Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo considera caprichos a petición da oposición para acudir aos actos oficiais

O Concello lamenta os caprichos do PSOE que quere acudir aos actos municipais e cando é invitado non aparece

Cervo, 22 de agosto 2012-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares, amosouse sorprendido polas declaracións do grupo municipal socialista sobre as invitacións aos grupos da oposición aos actos do Concello. Uns actos aos que “aínda que sexan convidados, non sempre acoden” engade Villares. “Cando son convidados non se presentan, e cando non se lles invita, queren acudir. Semella que buscan confundir e xogar ao despiste, pero no Concello non estamos para perder o tempo cos caprichos da oposición, da que se agardan actitudes máis adultas”. Villares engade que “os socialistas son os únicos que poñen en dúbida que os actos que organiza o goberno local son sempre actos do Concello, e que os partidos políticos quedan á marxe” aínda que “a súa confusión pódese deber a que a Deputación ten moita experiencia nisto de mesturar a acción de Goberno coa cor política”.

O rexedor lémbralle aos socialistas que “o Concello está formado por tres partidos políticos, pero é o goberno local, co alcalde á cabeza, o que representa ao Concello”. Villares transmítelle ao grupo municipal socialista “que estea tranquilo, que o Concello está representado segundo decidiu a veciñanza cos seus votos” e ao mesmo tempo asegúralle que “os veciños e veciñas vanse lembrar máis deles se se dedican a facer xestións que beneficien ao municipio na contra de estar pendentes de sentirse invitados a actos”.

“Con estes caprichos e con estes xogos de se me invitan non acudo e se non me invitan protesto están desatendendo aos veciños e veciñas, e non sei se o lembran, pero teñen moitas tarefas pendentes” manifesta o mandatario cervense. “O que ten que facer a voceira do PSOE de Cervo é tentar convencer á vicepresidenta segunda da Deputación para que traballe polos cervenses, e teno moi doado porque ambas son a mesma persoa” manifesta o rexedor. “Hai actuacións moi urxentes e que levan máis dun lustro pendentes, como a adquisición dos terreos para a ampliación do Museo do Mar. Tamén ten que ocuparse de mercar os terreos para a execución dos accesos ao polígono industrial de Cuíña, ou retirar a multa de 20.000 euros que parece posta a traizón para minguar os recursos públicos do Concello”.

Exit mobile version