Site icon Crónica3.com A Mariña

O goberno de Cervo descualifica á oposición por non teren feito alegacións aos orzamentos

Os orzamentos de Cervo entran hoxe en vigor despois de non rexistrarse ningunha alegación

-A edil de Facenda considera que a ausencia de emendas por parte do grupo do PSOE, que anunciara a súa presentación, só pode significar ou “que finalmente asimilaron que as contas son beneficiosas para Cervo”, ou que “non tiñan ganas de traballar”.

Cervo, 23 de agosto de 2012-O Boletín Oficial da Provincia publicou onte a aprobación definitiva dos orzamentos municipais de Cervo para este ano, polo que as contas entran hoxe en vigor dando total cobertura ás operacións realizadas dende o 1 de xaneiro. Os orzamentos aprobáranse inicialmente o pasado 13 de xullo no pleno da corporación e, despois da apertura dun prazo de 15 días hábiles para a presentación de reclamacións, non se rexistrou ningunha alegación.

A ausencia de alegacións por parte da oposición foi valorada pola edil de Facenda. Tania González explica que os socialistas de Cervo anunciaran en reiteradas ocasións, tanto nos medios de comunicación como durante o transcurso do pleno de aprobación dos orzamentos, que presentarían reclamacións ao texto. “Que o PSOE de Cervo finalmente non fixera alegacións a pesar de telas anuncialo só pode significar dúas cousas: ou que a pesar do seu desexo de buscarlle defectos aos orzamentos non os deron atopado, ou simplemente que presentar alegacións implica esforzo, traballo e coñecementos económico-financeiros”.

A delegada de Facenda espera que “o motivo de non presentar reclamacións fora que se decataron de que os presupostos son realistas, axustados á situación actual e nos que destacan investimentos en Servizos Sociais ou Educación e, polo tanto, beneficiosos para a veciñanza, e non por falta de ganas de traballar”.

Os orzamentos que hoxe entran en vigor cumpren o obxectivo de déficit cero que se lles esixe a todas as administracións na Lei de Estabilidade Orzamentaria e, polo tanto, falan dun superávit de case 700.000 euros que permite ao Concello ter capacidade de autofinanciamento. En canto aos investimentos en áreas de goberno estratéxicas, como a educación ou os servizos sociais, as contas prevén destinar 1,6 millóns de euros, que representan o 25% do gasto total das contas.

Exit mobile version