O CONCELLO DE CERVO E A ENTIDADE LARANXA PRESENTAN O BURELA FS-AUTOMOCIÓN LA JUNQUERA (SAN CIBRAO, 27 DE AGOSTO)
José Ramón González Casas agradeceu “o compromiso do Concello cervense co proxecto burelista e a súa aposta pola difusión do fútbol sala”, ademais de recoñecer que “é un verdadeiro privilexio para os nosos equipos poder dispoñer de instalacións deportivas de calidade na comarca, coma as deste municipio”.
Alfonso Villares convidou “á veciñanza, en especial á mocidade, a acudir ao pavillón da Veiga para gozar dun partido que tamén poderá animar a moitos rapaces e rapazas a iniciarse na práctica desta disciplina deportiva”. “Esta é unha oportunidade para os cervenses, que poderán presenciar o bo xogo dun equipo veciño que está na Primeira División do fútbol sala” engadiu o rexedor.
O Concello de Cervo e o CD Burela FS Pescados Rubén manteñen unha nutrida e estable colaboración dende hai anos. No marco de actuación do convenio que une ambas as dúas partes, o alumnado e profesorado da escola de Cervo poden gozar de xornadas de convivencia e amigables cos membros do CD Burela FS, ademais de recibir pases especiais para presenciar os encontros laranxas e acceder a descontos nas actividades programadas dende o club, como o Campus Mixto Internacional.
—————————-
O pavillón da Veiga acollerá un partido amigable entre o Burela FS e o Automoción La Junquera
-O Concello e o club burelés manteñen un convenio no que se prevén colaboracións como a cesión das instalacións municipais cervenses
Cervo, 25 de agosto de 2012-O pavillón municipal da Veiga será o campo de xogo do partido amigable que disputarán o Burela FS Pescados Rubén e o Automoción La Junquera pontevedrés. O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e o presidente do club burelés, José Ramón González Casas presentaron o encontro, que terá lugar o vindeiro luns ás 20:30 horas.
Esta cooperación entre o Concello e o Burela FS é unha das moitas actuacións conxuntas da administración local e o club deportivo, que manteñen un convenio de colaboración para o fomento do deporte entre a mocidade. Precisamente a cesión das instalacións municipais de Cervo para a práctica deportiva é unha das liñas de cooperación previstas no texto, no que tamén se contemplan actividades impartidas polos membros do primeiro equipo do Burela F.S, como charlas nos centros de ensino de Cervo sobre a realidade diaria do deporte de elite ou a prevención de lesións e práctica deportiva saudable.
Tamén se prevé no convenio, asinado no mes de maio, a organización de partidos ou torneos amigables entre as escolas deportivas municipais e as do Club Deportivo Burela F.S. para que posibiliten a adquisición de costumes saudables e habilidades no xogo.
O rexedor cervense manifestou a súa satisfacción por que “as instalacións deportivas municipais poidan ser aproveitadas ao máximo e sexan de utilidade para o Burela FS co que vimos mantendo unha frutífera colaboración dende hai anos”. Para Villares “esta é unha oportunidade para os cervenses, que poderán presenciar o bo xogo dun equipo veciño que está na División de Honra do fútbol sala”.
Polo tanto, “convidar á veciñanza, en especial á mocidade, a acudir ao pavillón da Veiga para gozar dun partido que tamén poderá animar a moitos rapaces e rapazas a iniciarse na práctica desta disciplina deportiva” remata o mandatario cervense. Pola súa parte o presidente do club, José Ramón González Casas tamén amosou a súa ledicia por dispoñer do pavillón da Veiga para o seu segundo encontro amigable da pretemporada.