Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP defende a transparencia dos salarios que perciben Barreiro e Balseiro

Os populares lucenses instan ó PSOE a ser máis rigorosos na súa crítica e a non enlodar a actividade política

O PP convidan ós socialistas a afrontar con sosego a cita electoral de outubro

O PP defende a transparencia dos salarios que perciben Barreiro e Balseiro -idénticos aos dos seus homólogos socialistas- fronte a opacidade que supón manter a soldo da Deputación ao 40% da executiva provincial socialista, na súa inmensa maioría, en postos elixidos a dedo e cubertos por persoas que non pasaron polas furnas.

Lugo, a 30 de agosto de 2012.- O Partido Popular de Lugo recoméndalle ó Partido Socialista nesta provincia que afronte con tranquilidade a convocatoria das eleccións autonómicas do vindeiro mes de outubro e que non tente principar a campaña electoral antes de tempo.

Os populares lucenses apelan ó sosego para evitar a introdución de debates estériles neste período preelectoral que non contribúen a resolver os problemas da sociedade galega e que unicamente parecen encamiñados a enlodar a actividade política, quizais pola falla de outros argumentos de maior peso.

TRANSPARENCIA FRONTE A OPACIDADE.- En todo caso non evitan o debate, aclaran que hai notables diferenzas notorias entre ser un cargo electo e, como consecuencia desa elección, recibir unha prestación económica, e ser un cargo nomeado a dedo e, por conseguinte, susceptible de ser aproveitado para pagar favores. Outra cousa distinta é, segundo insisten, empregar as institucións como axencias de colocación dos amigos que, como no caso da Deputación de Lugo, serve para colocar en postos de libre designación a preto do 40 por cento da executiva provincial do Partido Socialista.

A este respecto, puntualizan dende o PPdeLugo que tanto o presidente provincial como o secretarios xeral desta formación política, José Manuel Barreiro e José Manuel Balseiro respectivamente, perciben un salario fixado, en cada caso, polo Senado e polo Parlamento Galego. Por tanto, o seu salario, ademáis de público, é idéntico ó do resto dos representantes doutras formacións políticas con funcións semellantes.

Así, non só é falso que Barreiro e Balseiro sexan os políticos máis caros de Galicia, senón que como todo o mundo pode comprobar, tanto Marcelino Iglesias -como portavoz do PSOE no Senado- como Francisco Cerviño -deputado do PSOE membro da Mesa do Parlamento de Galicia- cobran os mesmos salarios que eles.

CÚPULA DO PSOE A SOLDO DA DEPUTACIÓN.- No que atinxe á executiva provincial socialista, explican dende o PPdeLugo, tres dos seus membros son asesores directos da área de Goberno da Presidencia da Deputación da que é titular Gómez Besteiro: Juan Carlos González Santín (secretario de organización o PSOE) que percibe un mínimo de 50.657,30 euros, Pablo Rivera Capón (secretario de redes e innovación do PSOE), e Alfonso Orol Castro (secretario de acción electoral do PSOE) con soldos de 34.527 euros ó ano respectivamente.

Tamén o actual secretario de Educación e Lingua da Executiva provincial socialista, Jose Carlos Ferreiro Otelo, percibe un salario mínimo de 37.800 euros na súa condición de asesor en comisión de servizos como profesor.

A estes catro membros da cúpula do PSOE cuxo soldo pagan todos os lucenses hai que engadir os 50.391,04 euros que percibe Álvaro Santos Ramos, que ten recoñecida unha dedicación exclusiva ó servizo do grupo socialista e obstante a secretaria de deportes do PSOE lucense.

Tamén Javier Cerquero González (da comisión de control económico do PSOE) comparte o privilexio de formar parte da cúpula socialista (neste caso da Comisión de Control Económico) e o luxo de percibir unha remuneración da Deputación por importe de 41.474,02 euros.

No caso específico de Jose Piñeiro Díaz, membro tamén da executiva socialista, na súa condición de secretario de administración e que se sabe que traballa para o Gabinete de asesores do PSOE no ente provincial pero descoñécese a contía e método polo que percibe a súa remuneración

MÁIS RIGOR.- Os populares recoméndanlle do mesmo xeito ós socialistas rigor á hora de argumentar as súas críticas porque os erros de vulto que cometen son de tal calador que directamente quedan invalidadas.

En primeiro lugar, o PSOE debería saber que na última reunión da Mesa da Cámara galega acordouse por unanimidade (tamén por tanto co beneplácito dos socialistas) suprimir calquera indemnización compensatoria por cese para os deputados. En segundo lugar, dende o PPdeLugo aclaran tamén que José Manuel Barreiro e voceiro do Grupo Parlamentario Popular no Senado e non presidente.

Tampouco entenden como coherente que no PSOE empreguen como argumento de crítica a Balseiro que a Xunta non levou a cabo o proxecto de construción dunha goleta prevista como medida de apoio ás tradicionais carpinterías de ribeira, cando durante a lexislatura que remata tamén desde o PSOE se dedicaron a criticar este encargo. Isto é, os socialistas ante un mesmo feito critican unha decisión e a súa contraria, como saben ben os lucenses e, máis en concreto, os veciños de San Ciprián, onde tiña previsto construírse esta embarcación.

Dada a pobreza das críticas e a endebleza e ata, como queda demostrado, a falsidade dos argumentos empregados para sustentalas, os populares recoméndanlle os socialistas lucenses que recapaciten e perfeccionen algo máis a súa estratexia política á hora de afrontar a vindeira cita electoral.

Exit mobile version