O PREGON DE SEMPERE
A desbordante actividade social, cultural e deportiva desenvolvida por Sempere nese longo período de estadía focega fixeron que, de contado, se convertera en personaxe popular e apreciado dadas, ademais, as virtudes que adornan a súa personalidade; a cultura, modestia e a actitude dialogante, servicial e colaboradora. Nengunha faceta que teña que ver coa cultura resúltalle allea e aquí demostrouno sobradamente implicándose nas mais variadas actividades nas que tivo un notorio protagonismo dada a súa permanente dispoñibilidade, sempre altruista e solidario, o que facía que en cantas iniciativas de orde benéfico-social xurdían , estaba sempre en primeira liña pois persoa moi válida, dificilmente negaba a súa contribución.
Para nós que, dende a chegada a estes eidos, nos honramos coa súa amizade entrañable é, sobre todo, un melómano consumado, amante das artes plásticas e un cinéfilo cualificado, facetas das que ten moi amplos coñecementos como sabemos quen no seu periplo focego fumos compañeiros nas mais variadas inquedanzas. Tampouco o mundo do deporte lle resulta estrano sendo na nosa vila, non só un afervoado practicante dalgunhas especialidades, senon tamén entusiasta promotor e organizador de encontros, torneos, competicións e demais.
Sempere voltou a Foz polo San Lourenzo para contarnos as súas nostalxias focegas pois aquí gastou moitos días dos seus anos mais pletóricos e nós recibímolo coa calor humana da que o persoeiro é merecente. Grazas, Vicente.
Suso Fernández