Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE da Mariña esíxelle ao goberno central que manteña as 2 liñas ferroviarias de FEVE e non recorte o servizo nun 25%

O PSdeG-PSOE da Mariña esíxelle ó Goberno Central que manteña as 2 liñas ferroviarias de FEVE e non recorte o servizo nun 25%

– Os socialistas criticaron a medida imposta polo Partido Popular, pois supón o desmantelamento dun servizo básico e necesario para esta zona da provincia e pon en perigo os postos de traballo dos mariñanos que viven deste sector, que en Galicia supera os 1.000 traballadores

– Liquidar estas liñas implicará un novo sobrecuste para os cidadáns, xa que moitos deles non poderán ir a Santander no mesmo día ou lles será imposible acudir a centros neurálxicos como o Hospital da Costa ou as dependencias nas que se realizan trámites tan usuais como o DNI

– Para Santín o PP “é cómplice dun novo machadazo ós veciños da Mariña. A supresión dun servizo demandado e sostible non se pode chamar aforro. Mentres os cidadáns estamos sendo machacados con novos impostos e con novos recortes ós ricos defraudadoresconcédenselle amnistías fiscais”

– A situación do sector ferroviario na provincia seguirá empeorando nos próximos meses, pois o Ministerio de Fomento prevé eliminar a ruta A Coruña-Lugo-Monforte, a única de media distancia na provincia e que dende 2011 non recibe ningunha aportación da Xunta

A MARIÑA, 3 DE AGOSTO- Voceiros do PSdeG-PSOE da Mariña nos Concellos de Cervo –Lara Méndez-, Foz –José Ramón Val Alonso- e Barreiros –Carmen Viga Rodríguez-, acompañados do Parlamentario Ismael Rego, do Secretario de Organización do Partido na provincia, Juan Carlos González Santín, do Alcalde de Viveiro, Melchor Roel, e doutros representantes deste Partido, esixíronlle este venres ó Goberno Central que manteña as dúas liñas ferroviarias de FEVE, xa que esta medida imposta polo Executivo de Rajoy supón o desmantelamento dun servizo básico e necesario para os mariñanos.

Deste xeito, consideran que garantir as comunicacións entre os diferentes puntos da provincia é unha das metas máis importantes a conseguir nun territorio con tanta dispersión xeográfica como Lugo. Para acadar este obxectivo consideran que o tren de vía estreita convértese nunha peza clave. A súa versatilidade permitir conectar localidades cunha orografía abrupta, mellorando así a vertebración das zonas máis afastadas ou alonxadas xeograficamente cos principais núcleos de poboación.

A compañía de Ferrocarriles de Vía Estreita (FEVE) non só rexeitou ampliar o servizo para dotar os lucenses residentes na Mariña de mellores comunicacións, senón que suprimirá a partir de outubro o seu servizo nun 25%, “en prol dun mal chamado aforro”, tal e como subliñou o Secretario de Organización, quen sinalou que “hoxe queriamos estar cos máis de 1.000 traballadores do sector ferroviario de Galicia e que se están a manifestar por estes drásticos recortes, xa que moitos deles ven en perigo os seus postos de traballo coa medida do Goberno Central”.

“O Partido Popular é cómplice dun novo machadazo ós veciños da Mariña. Non se pode chamar aforro á supresión dun servizo demandado e sostible que, lembramos, os propios membros do Partido Popular querían mesmo transformar en alta velocidade. Esta á política dos Gobernos do PP: mentres os cidadáns de a pé estamos sendo machacados con novos impostos e con recortes de servizos básicos e necesarios como é este caso, ós ricos defraudadores, por exemplo, concédenselle amnistías fiscais”, enfatizou.

Graves consecuencias para os mariñanos

FEVE eliminará dúas liñas, deixando en só tres opcións de horario a comunicación entre Viveiro e Ribadeo que, ademais, cambiará segundo sexa inverno ou verán. Neste senso, polo que respecta ó primeiro caso, a eliminación do tren con saída de Viveiro ás 9:59 horas suporá deixar sen comunicación a Mariña ata pasado o mediodía. En sentido contrario, dende Ribadeo non se poderá viaxar dende as 6:50 horas da mañá ata as 14:45 horas ó suprimirse o tren con saída ás 11:12. Liquidar esta liña implica, por tanto, graves consecuencias para os mariñanos e novos sobrecustes ós que deberán de facer fronte. Moitos deles non poderán ir a Santander no mesmo día e seralles imposibilidade acudir a centros neurálxicos da zona como o Hospital da Costa, Alcoa ou Viveiro, ou os centros administrativos para realizar trámites tan usuais como a obtención do DNI.

A malla de trens que se suprimirá na época estival, suporá a imposibilidade de viaxar pola costa de Viveiro a Ribadeo dende as 9:59 horas ata as 17:07 e que, no traxecto con saída en Ribadeo, a Mariña quede sen este servizo dende as 11:12 ata as 18:17 horas. A supresión desta liña, ademais dos impedimentos mencionados, non é sensible coa época estival e supón un novo revés para un xa golpeado turismo que, no mes de xullo, rexistrou un descenso do 3% nas reservas hoteleiras.

Supresión inxustificada

A liquidación destas liñas ferroviarias non vai aparellada a un descenso na demanda dos usuarios. Neste senso, os socialistas consideran que calquera axuste debe estar baseado en quitar os servizos superfluos, non os absolutamente necesarios, pois a malla de servizo que se elimina é a que conta con máis viaxeiros.

Así mesmo, lembraron que a cifra de afectados é moito maior da que estima FEVE. Os sindicatos apuntan que ó non haber controis de acceso en todos os apeadeiros, e ante a falta de persoal no servizo de trens, moitos viaxeiros se contabilizan, coa consecuente dilapidación de recursos que supón que os usuarios viaxen gratis. Por todo isto, “intuímos alarmados que non se busca adecuar os horarios dos servizos aos viaxeiros, senón que se pretende dar un penoso servizo facéndoo pouco viable para os usuarios e así xustificar unha liquidación total no futuro”, engadiron.

Deste xeito, os socialistas destacaron que o tren é unha peza clave nas comunicacións do século XXI por ser un transporte colectivo e ser único no seu compromiso co medio. Ademais, conta cun engadido social en Galicia ó ser un dos elementos vertebradores das bisbarras. A loita contra a despoboación e en defensa de todos os municipios comeza dotando os seus veciños de servizos de calidade que impidan establecer cidadáns de primeira categoría e cidadáns de segunda, destinados ó illamento. “Por outro lado, non deixa de ser un doloroso paradoxo para os lucenses que mentres avanzamos cara á comunicación coa meseta a través da AVE, os mariñanos non poidan desprazarse en distancias próximas polos máis de 154 km de vía estreita cos que xa contamos en Galicia, e non supoñen un investimento extra”.

Por todo elo, os PSdeG-PSOE presentará nos Concellos unha moción para instar ó Ministerio de Fomento a que chegue a un acordo con FEVE para non eliminar un servizo tan necesario para a Mariña, así como esixir á Xunta de Galicia que leve a cabo as negociacións oportunas para que o Executivo Central adquira o compromiso de manter, polo menos como ata o de agora, as liñas de transporte ferroviario ofertadas.

A comunicación coa zona sur, a próxima en ser suprimida

A situación do sector ferroviario seguirá empeorando nos próximos meses, tal e como subliñaron os representantes do PSdeG-PSOE da Mariña. Á supresión das liñas referidas anteriormente, engádese o anuncio realizado polo propio Ministerio de Fomento no mes de xuño. Naquela data, o Departamento estatal fixo pública a súa intención de eliminar a comunicación incluída na ruta A Coruña-Lugo-Monforte, que ademais é o único servizo de media distancia na provincia. Esta liña é unha das tres rutas que a Xunta de Galicia subvencionaba dende os anos noventa e que en 2011 deixou de apoiar economicamente, limitando así as súas posibildades de continuar funcionando no futuro.

Exit mobile version