Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE de Cervo denuncia a falta de previsión dun dispositivo de limpeza para restablecer a normalidade trala Maruxaina

OS SOCIALISTAS DENUNCIAN A FALTA DE PREVISIÓN DUN ADECUADO DISPOSITIVO DE LIMPEZA PARA RESTABLECER A NORMALIDADE TRALA MARUXAINA

-Os recortes inxustificados da Xunta e o pouco criterio de Villares para priorizar necesidades son as causas da falta de persoal de limpeza neste verán, “o alcalde prefire a súa publicidade a manter certos servizos”

-Esixen que esta fin de semana non se cometa o mesmo erro e que “para a celebración da Queimada se teña previsto un operativo adecuado”

CERVO, 16 DE AGOSTO. Os socialistas de Cervo denuncian a falta de previsión e organización amosada polo equipo de Villares trala celebración da Maruxaina, “cando un Concello alberga un evento deste tipo tense que poñer en marcha un adecuado dispositivo de limpeza e recollida que restableza o máis axiña posible a normalidade do municipio. Ó noso equipo de goberno parece que lle importa máis sair na foto que todo isto”.

Os membros do GMS din que “é evidente que festas como a Maruxaina ou a Queimada, que imos a celebrar o vindeiro sábado, sobrepasan tódalas as expectativas, e precisamente por iso, o Concello debe contar cun dispositivo a maiores do que xa se ten normalmente”.

Cren imprescindible a limpeza e o restablecemento inmediato da zona xa que “moitos veciños e visitantes disfrutaron da noite de festa pero tamén son moitos os que pretenden pasar o día seguinte nas praias e zonas verdes. O equipo de goberno é o único responsable de que tódolos lugares do concello estean nas condicións óptimas para o gozo dos cervenses e turistas, sobre todo, nestes días nos que a afluencia de xente é moito maior”.

Os recortes inxustificados da Xunta de Galicia e a falta de criterio do Goberno local para priorizar necesidades son, para os socialistas, “as principais causas da falta de persoal de limpeza neste verán. As praias que son o noso talismán turístico non poden estar desatendidas. Parece que ó señor Villares lle interesan máis outros asuntos”.

Lembran que “durante o período estival de 2011, o Concello contou cos servizos de ata dez persoas para a limpeza de praias, este verán tan só hai traballando dous operarios. Iso sí, o equipo de Villares conta cunha persoa ó seu servizo para facerlles fotos e enviar as notas de prensa necesarias, que custa ós veciños sobre 1.800 euros mensuais. Vése que o que lle interesa ó noso alcalde é a súa publicidade, non ofrecer bos servizos que potencien o turismo e o desenvolvemento do concello”.

Os socialistas esíxenlle ó alcalde que “non cometa o mesmo erro este vindeiro fin de semana. Pedimos que para a celebración da Queimada teña previsto o operativo de limpeza adecuado que restableza a zona de inmediato, para que ó día seguinte calquera persoa poida disfrutar do lugar con total normalidade”.

Exit mobile version