Site icon Crónica3.com A Mariña

O PSOE denuncia a dobre moral do PP que predica austeridade e aforro cando Barreiro e Balseiro teñen soldos de 120.000 euros ao ano

Barreiro e Balseiro, con soldos de 120.000 euros ó ano, son os políticos máis caros de Galicia

– Con máis de 8.000 euros mensuais, os populares lugueses superan en 3.000 euros a Collarte, o Deputado do PP que se queixou de “pasalas canutas para chegar a fin de mes”, mentres 100.000 galegos en paro non reciben prestación

– Mentres Rajoy premiou a Barreiro, nomeándoo Presidente do PP no Senado, con 8.400 euros mensuais, Feijóo fixo o mesmo con Balseiro, premiando a maiores este mes con 16.000 euros ó manter a indemnización pola disolución da Cámara

– O PSOE de Lugo defende remuneracións para os políticos cando hai resultados e non chapuzas como o goletazo de Balseiro ou a destrución de 14.000 empregos na Comunidade coa paralización do concurso eólico que impuxo Feijóo

O Partido Socialista de Lugo denuncia a doble moral do Partido Popular, pois, mentres se prodigan como os grandes valedores da austeridade e do aforro, teñen á fronte das súas filas na provincia a José Manuel Barreiro e José Manuel Balseiro, os dous políticos máis caros de Galicia. Segundo datos oficiais e públicos nas páxinas web do Senado e do Parlamento, cada un deles cobra ó ano case 120.000 euros, é dicir, 14 veces máis que un traballador que cobra o salario mínimo interprofesional e que ronda os 9.000 euros anuais. Todo isto, cando os resultados políticos dos populares son nulos.

Recibindo 8.000 euros ó mes, Barreiro e Balseiro superan en 3.000 euros a Collarte, o Deputado popular que se queixou “de pasalas canutas para chegar a fin de mes” malia recibir unha retribución de 5.100 euros mensuais neste momento de crise, no que 100.000 parados galegos non perciben ningún tipo de prestación.

Para o PSOE lugués resulta unha desfachatez e ata ofensivo que o PP critique as remuneracións doutros políticos cando Rajoy premiou a Barreiro, nomeándoo Presidente dos populares no Senado para rematar coa súas pugna con Feijóo, facendo que reciba un soldo mensual de 8.400 euros. Pola súa banda, Feijóo premiou a Balseiro, nomeándoo Secretario da Mesa do Parlamento Galego, cun soldo mensual de 8.000 euros. Nos vindeiros días, como novo premio de Feijóo, Balseiro embolsará outros 16.000 euros que o Presidente da Xunta decidiu manterlle como indenmización pola disolución da Cámara autonómica.

Os socialistas defenden que quen exerza unha labor política responsable e eficaz ten o dereito de recibir unha remuneración. Sen embargo, cando non hai xestión e na conta de resultados sae a cero, os políticos saen moi caros ós cidadáns. O mellor exemplo disto é, precisamente, o señor Balseiro.

Nulos resultados

Como lle ocorre a Feijóo, José Manuel Balseiro non pode presentar ante a cidadanía un mínimo balance de xestión, polo que non ten credibilidade algunha. É máis, tras acaparar durante décadas cargos institucionais e políticos, custándolle miles de euros ós cidadáns, na súa folla de servizos figuran chapuzas que pasarán á historia, como o goletazo. Durante meses pregonou a construción en Cervo dunha goleta do século XIX, dotada de 2 millóns de euros, para potenciar a actividade dos asteleiros de ribeira. Todo foi fume, pois tras meses enganando ós cidadáns, este “gran” proxecto esfumouse, converténdose no auténtico goletazo de Balseiro e de Feijóo.

O Partido Socialista lucense subliña que Barreiro e Balseiro, ó igual que os seus valedores, Rajoy e Feijóo, só acumulan fracasos e maltratos para Galicia: duplicaron o paro en tres anos así como a débeda, fixeron que a comunidade perdese 14.000 euros coa chapuza do concurso eólico, instauraron o repago farmacéutico, obrigaron a reagrupar escolares como na época de Franco…. Son, polo tanto, os políticos máis caros de Galicia.

Exit mobile version