O PSdeG-PSOE esíxelle á Xunta que pague o servizo de comedor do último trimestre, que nalgúns colexios supera os 30.000 euros
– Ante a gravidade da situación, derivada dun comportamento irracional da Xunta de Galicia, moitos proveedores lucenses a día de hoxe, e logo de 5 meses, aínda non cobraron o material subministrado, ocasionándolles perdas moi cuantiosas
– Ferreiro denuncia que moitos escolares da provincia quedarán o vindeiro curso sen este servizo debido a que o Executivo autonómico vén de remitir unha circular a todos os colexios explicándolles que, por primeira vez, terase en conta un tope de alumnos por comedor
– Para o Secretario de Educación esta medida é un claro exemplo “do desmantelamento da ensinanza pública” para favorecer a educación privada
LUGO, 3 DE AGOSTO- O Secretario de Educación e Lingua do PSdeG-PSOE de Lugo, Carlos Ferreiro, denunciou este venres que a falta de previsión da Xunta de Galicia e os recortes aplicados á ensinanza pública están a ter un alto custe para a comunidade educativa da provincia. Ferreiro revelou que administración autonómica leva dende o mes de marzo sen pagar ós centros escolares as axudas para facer fronte ó pago do servizo de comedor, o que supón que moitos proveedores da provincia e subministradores de alimentación a día de hoxe, e logo de 5 meses, aínda non cobrasen o servizo prestado, ocasionándolles así perdas moi cuantiosas.
Deste xeito, o Secretario de Educación e Lingua cifrou que esta falta de pago pode supoñer para os colexios máis pequenos, cunha media de 52 comensais, que deixen de ingresar uns 5.400 euros cada trimestre e, no caso dos máis grandes –Vilalba, Viveiro, Sarria ou Monforte-, esta cifra pode superar os 30.000 euros. “A Xunta de Galicia está dificultando intencionadamente o acceso ó ensino público ás familias lucenses para favorecer a educación privada. Trátese dunha situación que está a provocar graves prexuízos para todos, non só para os colexios senón tamén para todos aqueles proveedores e colaboradores que subministran diariamente o servizo de comedor. Isto é unha cadea, se a Xunta non paga, os colexios malamente poden pagar o pan, as patacas, os ovos… A Xunta está acuchillando literalmente ás familias da provincia, ós autonómos, ós mestres… Son recortes que non se aprecian ós ollos da xente, pero que sen embargo teñen consecuencias moi graves”.
Moitos nenos quedarán sen comedor o vindeiro curso
Carlos Ferreiro denunciou tamén que moitos escolares da provincia quedarán no curso escolar 2012-2013 sen este servizo debido a que o Executivo autonómico vén de remitir a todos os centros educativos unha circular na que se explica que para a concesión fixarase, por primeira vez, un tope de alumnos por comedor. “Se a isto lle sumamos que na adxudicación tamén se ten conta ós estudantes que xa son usuarios e, en segundo lugar, ós alumnos transportados, moitos nenos lamentablemente non poderán comer no colexio”. Neste senso, tal e como explicou o Secretario de Educación, esta nova medida implicará “que unha familia que teña unha renda non moi superior ós 10.000 euros e que non fixera uso antes do comedor nin o seu neno empregue o transporte público quede fóra deste servizo. É o caso, por exemplo, dunha familia inmigrante que xa nos transmitiu as súas queixas”.
Neste senso, Ferreiro lembrou que este non ó único caso no que a Xunta de Galicia dificulta o acceso ó ensino ós escolares lucenses. Só na cidade de Lugo 60 familias se están vendo afectadas pola decisión da administración autonómica que obriga ós proxenitores a matricular os seus fillos nos centros educativos máis alonxados do seu domicilio, ocasionándolles así novos gastos, pois o desprazamento será superior e, por outra banda, tardarán máis en chegar ós seus centros educativos.
“Isto é un suma e sigue”
Ante a gravidade da situación, derivada dun comportamento irracional da Xunta de Galicia, o Secretario de Educación subliñou que “isto é un suma e sigue. Non podemos entender como, no lugar de tentar mellorar a situación que xa de por sí é complicada para as familias, o goberno de Feijóo adopta esta decisión que aboca ás familias a perder unha educación pública e de calidade e ós terceiros a ter que botar o peche porque os colexios non poden pagar os servizos prestados”.
Para Carlos Ferreiro este é tan só un exemplo “do desmantelamento claro da ensinanza pública”, que está a protagonizar o goberno de Feijóo, xa que a partir do 1 de setembro, a Xunta de Galicia eliminará unidades escolares e prazas de mestre -Galicia ten hoxe 1.100 docentes menos-; o pioneiro modelo educativo de Prescolar na Casa non volverá ás casas ó ser suprimido; a administración autonómica leva meses sen pagar o cheque infantil das gardeirías, quedando alomenos 4.000 rapaces sen praza en toda a Comunidade e máis de 100 só na comarca da Mariña; moitos mozos que van a Universidade, quedaran sen bolsas de estudo, e só os que máis teñen poden seguir pagando a Educación….”