Site icon Crónica3.com A Mariña

O viño da casa

O VIÑO DA CASA
A peña O Lar foi de sempre lugar acolledor para propios e estranos. E moitos dos veraneantes, durante a súa estadía na vila, facíanse asíduos a ela, á que cada día acudían en mesturanza cos indíxenas, o que xeraba novas amizades e facía que mesmo se produciran intercambios de productos, sobre todo gastronómicos, que viñan a ampliar os coñecementos dos tertulianos e tamén a disfrutar de novos sabores e polo tanto de placeres inéditos para o padal, Foi así que tralo verán de 1972 uns colegas de Ponferrada, enviaron á peña unha partida de uva coa encomenda de elaborala aquí; algo descoñecido para os nativos na que endexamais se viran involucrados. De tódolos xeitos o sorprendente achego víu a poñer no dia a día do grupo un novo motivo para a ledicia e tamén para que, uns mais que outros, se ilustraran sobre o proceso de elaboración dun viño que se consideraba xa “da casa”, aínda que adoptivo. A prospección realizada entre o plantel de tertulianos descubriu a dous membros, avezados viñateiros, en función das súas terras de orixe: Barreiro, do xulgado, betanceiro, e Sampaíño, o Forestal, de Portomarín. Ambos convertéronse nas estrelas do colectivo pois, como “especialistas” cortaban o bacallao dando as instruccións oportunas para lograr o mais óptimo resultado, sinalando xa dúas datas importantes no proceso: o día 12 de decembro procederíase ó pisado da uva e tras dous meses de acougo do mosto na barriga dos bocois, tería lugar a espicha dos 600 litros de viño que daría a uva do Bierzo, formulada xa a sana intención da tropa peñística de renderlle honores, no primeiro día, sen poñer límite ó consumo do mesmo; a novidade e o mérito que cada quen se atribuía no labor de chegar ó final feliz do proceso, ben o merecían.¡ Nunca en Foz se vivira unha experiencia semellante!. E así foi: a espicha tivo lugar con grande expectación o día 21 de febreiro de 1973. Houbo festa rachada e canta xente apareceu polo seu entorno foi convidada a celebrar o feito, acaso único na historia do noso pobo, de celebración similar…O enxeño da Peña O Lar era grande!.

Suso Fernández

Exit mobile version