Site icon Crónica3.com A Mariña

O voceiro do Mar do PP recoñece que en tres anos de goberno na Xunta non foron capaces de “arranxar a desfeita” no sector

O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular defende a xestión da Consellería do Medio Rural e do Mar fronte as críticas da oposición

BALSEIRO: “O GOBERNO GALEGO LEVA TRES ANOS TENTANDO ARRANXAR A DESFEITA QUE FIXO O BIPARTITO NO SECTOR PESQUEIRO”

 “As xestións da Consellería e da Xunta para compensar o mal acordo da Unión Europa con Mauritania deron os seus froitos: 6,1 millóns de euros en axudas para a flota afectada acordados no día de onte” recorda o voceiro popular

 PSdeG e BNG deixaron ao sector pesqueiro en situación crítica, xa que foron incapaces de crear un só proxecto de acuicultura, despezaron o dobre de barcos que o actual goberno e tentaron tirar pola borda o marisqueo

 Balseiro lembra aos nacionalistas que o único que fan e ir a remolque da Xunta na defensa dos intereses galegos en Europa e lamentan a súa intransixencia “pois foron eles os causantes de que non houbera posición única no Parlamento sobre a reforma da Política Pesqueira Común”

Santiago, 25 de agosto de 2012.- O voceiro do Mar do Grupo Parlamentario Popular de Galicia, Jose Manuel Balseiro, lembrou hoxe a PSdeG e BNG que gran parte dos esforzos desenvolvidos polo Goberno galego nos últimos tres anos están dirixidos a tentar arranxar a desfeita que fixo o bipartito no sector pesqueiro durante a anterior lexislatura.

“Eles si deixaron ao sector pesqueiro en situación crítica, xa que foron incapaces de crear un só proxecto de acuicultura, despezaron o dobre de barcos que o actual goberno e tentaron tirar pola borda o marisqueo, unha actividade pola que non amosaron ningunha preocupación” asegurou Jose Manuel Balseiro.

IMPULSO Á ACUICULTURA E AO MARISQUEO

O PPdeG defende á xestión da Consellería do Medio Rural e do Mar fronte ás críticas efectuadas desde as formacións políticas do malogrado bipartito -hoxe na oposición- lembrando que o actual goberno conseguiu recuperar e reorientar a actividade acuícola, convertendo a Galicia na primeira comunidade europea en dispor dunha estratexia de acuicultura e pór en marcha novas actividades acuícolas, logo do parón que atravesou esta actividade nos 4 anos do goberno bipartito.

Balseiro Orol tamén sinalou que na súa aposta pola xeración de emprego e pola incorporación de mozos ao marisqueo, a Xunta conseguiu, grazas a súa xestión, pór en marcha o plan de rexeneración de bancos marisqueiros, que permitiu recuperar unha superficie de máis dun millón de metros cadrados no 2010 e 2011 e supuxo a autorización de 344 novos permisos de explotación para o marisqueo a pé e 38 para marisqueo a flote.

ACORDO CON MAURITANIA

Balseiro cualificou como “absurdo” que a portavoz do PSOE, Marisol Soneira, cualifique de esperpento a negociación da UE con Mauritania, cando foi o goberno socialista quen deu o visto bó ao acordo. Pola contra “as xestións da Consellería e da Xunta deron uns froitos de 6,1 millóns de euros en axudas para a flota afectada que fixo público onte o Goberno Central”. Xestións que desenvolvidas polo presidente da Xunta e pola conselleira do Medio Rural e do Mar responden a unha liña de interlocución permanente coa Secretaria General de Pesca e o propio ministro. Amais a Xunta tentará bloquear este protocolo e que non se aprobe no Consello de Ministros e no Parlamento europeo, indicou o voceiro popular.

REDUCIÓN DA FROTA

Balseiro tampouco entende como acertadas as críticas de PSOE e BNG no ámbito dos despezamentos tendo en conta que o actual goberno conseguiu frear a acelerada liña de redución da frota que recibiron como herdanza do bipartito “Hoxe estamos nunha situación mellor que na época na que gobernaron socialistas e nacionalistas (2005-2008) na que se reduciron 538 embarcacións, a maioría de artes menores”.

OS NACIONALISTAS A REMOLQUE DA XUNTA

Por outra banda para Jose Manuel Balseiro resulta sorprendente que o BNG diga que “se comporta como se fose goberno” cando o único que fan é ir a remolque da Xunta na defensa dos intereses galegos en Europa.

“Desde o PPdeG consideramos positivas todas as visitas do sector a Bruxelas. De feito xa se fixeran diversas visitas deste tipo da man da Xunta con diferentes colectivos como o arrastre, representantes de confrarías e redeiras, para trasladar as súas inquedanzas directamente á comisaria de Pesca, María Damanaki. Polo tanto, é rotundamente falso que sexa a primeira vez que o sector defende os seus intereses ante a comisaria europea, como di o BNG”.

Fronte a tardía reacción dos nacionalistas o PP xa pulsou a opinión do sector sobre a Política Pesqueira Común de cara ao debate parlamentario nunha reunión que tivo lugar a finais de xullo “e entendemos que a máxima pluralidade e o máximo consenso acadarase no próximo Consello Galego de Pesca, que se celebrará a principios de setembro, xa que alí estará representado todo o sector, e de onde debe saía a verdadeira opinión do sector acerca da reforma da PCP”.

Jose Manuel Balseiro sinalou que en todo caso, o Grupo Parlamentario Popular concorda coa práctica totalidade das demandas do sector (necesidade dun trato diferenciado da frota artesanal, substitución dos TACs e cotas polo esforzo pesqueiro, o control da importación e da trazabilidade etc). De feito tanto Xunta como PP e PSOE coinciden no 99% dos postulados e o único grupo parlamentario que é discordante é o BNG, quen foi o causante de que non houbera posición única no Parlamento.

Exit mobile version