Site icon Crónica3.com A Mariña

Os cheiros de Foz

OS CHEIROS DE FOZ

A actualidade apesta. Digamos que os cheirumes son, dende hai anos, parellos ó discorrer de moitos días. Agora, con razón, a veciñanza queixase da depuradora; ulido que, mais ou menos, soportamos dende o día que foi inaugurada e que rexeitara a maioría dos veciños, pois era doado prever o que ía ocorrer en emprazamento tan desafortunado, e do que acotío advertían as xentes sabedoras do funcionamento e dos riscos destas instalacións.

O 21 de setembro de 2001, cando se barallaba o incrible proxecto de trasladar as residuais de Barreiros a Foz, cruzando a ría e, tras o tratamento oportuno, devolvelo ó mar, dicíamos no xornal: “Ninguén pon en dúbida a necesidade da actuación, pero a evidencia obriga a ser cautos e reflexivos e non permitir que tal feito deixe secuelas nefastas para o futuro de Foz, pobo que se afianza na súa vocación de veraniego e residencial.” ”A beiramar é o maior atractivo destes pobos. E nós, dende hai anos, vimos masacrando o que temos de máis fermoso e polo tanto devaluando a que é materia prima na que se asenta a oferta dos nosos atractivos. Non é fácil entender como o trebello, que ofrece a posibilidade evidente de danar o ambiente e os arredores, se sitúe en lugar de privilexio cando cumpriría a mesma misión dende calquera outra ubicación”.”O porto, que apenas cumpre as funcións para as que foi concibido, no urbano forma un todo coa vila e constitúe a súa paraxe mais atractiva. Hai que adoptar actitudes racionais e aplicar o sentido común sen correr o risco de deixar unha hipoteca mais ó pobo. Non destruamos o patrimonio máis preciado. Non sexa que alguén nos lembre aquelo do pintor Laxeiro: Que pobo mais fermoso pero… ¡que carallo de xente!”

Eso dicíamos hai máis de 10 anos e mantémolo. Rexeitamos por igual o cheiro da depuradora que o que sae das palabras demagóxicas e contaminadas dos que no seu día foron defensores e co-autores da desfeita e néganse agora a que se corrixa o que é símbolo de auténtica barbarie. ¿e aqueles que falaban de levar ó parlamento a deslocalización e agora queren que siga aí?; será que non viven xa sen o perfume ou pola estética visual, que os namora, en harmonía coa piscina pegadiña?. Hai quen se pregunta se o que cheira realmente é o depurado ou a inmundicia ética de certos políticos…

Suso Fernández

Exit mobile version