Site icon Crónica3.com A Mariña

Os Enredos de verán do concello de Cervo achéganse á súa fin cun balance moi positivo dos organizadores

Os Enredos de verán achéganse á súa fin cun balance moi positivo de actividades e participación

-Esta semana os nenos e nenas xogan a buscar a oca perdida, a ser policías e practican atletismo

Cervo, 22 de agosto de 2012-Os Enredos de verán atópanse na súa sétima semana e o remate do programa por esta temporada estival de 2012 está máis preto. A próxima semana clausuraranse as actividades cunha festa para todos os participantes pero, a uns días do remate, o balance do Concello xa é moi positivo. Durante os meses de xullo e agosto, uns 65 nenos e nenas divididos por categorías de idade participaron en numerosas actividades que os mantiveron activos toda a mañá.

“Os pequenos estiveron entretidos durante todas estas semanas, pero non podemos esquecer a vertente didáctica das actividades, xa que durante todo este tempo aprenderon novas destrezas, concienciáronse sobre o coidado do medio ambiente, espertaron a súa mente, cada semana practicaron un deporte diferente e relacionáronse con outros nenos e nenas da súa idade” explica a edil de Educación, Pilar Armada. Polo tanto, para a concelleira, o balance é “máis que positivo, tanto pola calidade e variedade das actividades como pola participación e os bos resultados, xa que é moi satisfactorio ver o ben que o pasan, o bo ambiente que se respira e a harmonía que existe entre os cativos e os monitores”, engade a edil.

Durante estas sete semanas, os cativos e cativas realizaron traballos manuais relacionados coa reciclaxe, xogaron a ser xornalistas, pintaron camisetas, aprenderon a cociñar, ou xogaron a ser piratas entre outras moitas actividades e practicaron deportes como ximnasia, baloncesto, voleibol, tenis, fútbol, hockey ou atletismo nuns Enredos de verán dedicados este ano aos Xogos Olímpicos. Ademais, houbo semanas nas que as actividades estiveron relacionadas coa actualidade dese momento, como é o caso da semana previa á Maruxaina, na que os pequenos crearon o seu propio cartel da festa e vestíronse de Maruxainas e Maruxainos.

Pero mentres non se clausuran, as actividades continúan. Esta semana os eventos lúdicos predominan no calendario, co macropoly, o xogo de buscar a oca perdida ou a recreación dunha comisaría de policía na que os pequenos tiveron que superar diversas probas de habilidade. O venres, como é habitual, está dedicado á práctica de deporte. Esta semana, en concreto, será a quenda do atletismo.

“Dende o Concello”, engade Armada, “consideramos que este é un programa imprescindible nos veráns de Cervo, porque combina aprendizaxe, diversión e exercicio físico a partes iguais e a súa excelente acollida anímanos a continuar poñendo en marcha este programa nos vindeiros anos” remata a concelleira.

Exit mobile version