Site icon Crónica3.com A Mariña

Policía local, policía autonómica, garda civil e protección civil controlarán a celebración da Maruxaina en San Cibrao

O Concello contará con reforzos da Policía Autonómica e da Garda Civil no dispositivo de seguridade da Maruxaina

-A administración local informa de que a rúa do Torno e a Avenida da Mariña, no treito entre a rotonda da Casa do Mar e Correos, permanecerán pechadas ao tráfico este sábado

-O Concello ten previstas alternativas de circulación a estas dúas rúas para posibilitar o acceso rodado, aínda que recomenda estacionar en zonas habilitadas e evitar entrar co coche á zona do centro

Cervo, 8 de agosto de 2012-O Concello de Cervo ten todo disposto para a celebración da Maruxaina 2012 organizada pola comisión de festas de San Ciprián, dende o dispositivo especial de seguridade, o regulamento do tráfico durante as festas e o acondicionamento e limpeza da vila.

O operativo de seguridade contará con efectivos da Policía Local de Cervo, aos que se sumarán os reforzos da Policía Autonómica e do destacamento da Garda Civil de Burela, que enviarán patrullas dotadas de persoal abondo para velar por un desenvolvemento das festas tranquilo e sen incidentes. O servizo de Protección Civil de Cervo permanecerá de garda 24 horas para atender aos posibles incidentes que se poidan producir, dispoñendo de persoal en alerta e do coche de bombeiros. Ao mesmo tempo, o Servizo Comarcal de Bombeiros estará prevido despois de ser avisado polo Concello da celebración deste evento multitudinario.

En canto á circulación dos vehículos pola vila de San Ciprián, o Concello ten previsto realizar cortes de tráfico en dúas rúas do casco urbano para dispoñer de vías peonís que garantan o goce das festas en espazos amplos e sen perigosidade. En concreto, este sábado día 11 non se poderá circular nin estacionar na rúa do Torno nin na Avenida da Mariña, no treito entre a rotonda da Casa do Mar e Correos. Para posibilitar a circulación pola vila, o Concello ten dispostas rutas alternativas que estarán convenientemente indicadas, como son a rúa Aduana e a rúa dos Campos.

Aínda así, a delegación de Seguridade Cidadá, dirixida polo edil José Ramón Soto, recomenda a cervenses, visitantes e turistas “que eviten na medida do posible o acceso co vehículo á zona centro de San Ciprián, fuxindo así de aglomeracións de coches e circulación lenta”. O concelleiro lembra que “existen numerosas zonas recomendadas para estacionar, como A Veiga ou o polígono de Cuíña, sen que haxa a necesidade de entrar na zona centro de San Ciprián”. Segundo Soto, “trátase de lugares próximos ao núcleo e abarcables a pé”.

A Concellería de Medio Ambiente tamén ten dispostas varias medidas de cara á festa da Maruxaina, neste caso para a limpeza e acondicionamento da vila. O persoal vinculado a esta delegación leva dúas semanas cos preparativos, que inclúen a limpeza exhaustiva das rúas, o baleirado dos contedores e cubos de lixo, a posta a disposición e montaxe de todo o material necesario para as representacións da Maruxaina na praia do Torno e outros traballos menores para que a vila estea en perfectas condicións para acoller a milleiros de persoas que acoden a gozar desta festa de Interese Turístico Galego.

Ao mesmo tempo, o Concello ten mobilizado para este domingo a todo o persoal da brigada de obras e do Grumir, que se encargarán da limpeza o día despois. Aínda así, a edil Begoña Alonso chama á “responsabilidad de todas las personas que participan en las fiestas, para que entre todos podamos mantener limpia la localidad y podamos demostrar que el disfrute y la diversión son compatibles con la pulcritud”. Deste xeito, Alonso pide a colaboración “de todos” con xestos “tan sencillos como depositar los residuos en los contenedores y papeleras, tanto en las calles como en las playas, teniendo especial cuidado con los envases de vidrio, que pueden ser muy peligrosos si acaban tirados en la calle”.

Neste obxectivo de manter a vila limpa e de velar pola seguridade, o Concello e a comisión de festas remitiron un escrito aos locais de hostalería para pedirlles que colaboren con diferentes medidas. Unha delas é non servir as bebidas en vasos de cristal cando as consumicións se realicen fóra dos establecementos. “Toda a sociedade ten que implicarse e actuar con respecto e responsabilidade durante as festas para que o único que teñamos que lembrar nesta Maruxaina sexan momentos positivos e ningún incidente” remata Soto.

Exit mobile version