PRESENTACION DE “CAMIÑANTE DE NINGURES”
Non é a primeira vez que este cronista colabora co poeta, e así o fixo co modesto prólogo ó seu libro “Palavras perdudas”, e hoxe volta para traer á mellor consideración de vostedes o que é obra que nalgunha medida racha co seu tradicional estilo, ata o de hoxe mais clásico na temática e na composición dos poemas, no ritmo e mesmo na grafía dos versos. En certa medida aparece un Paco novo, nesta ocasión camiñante polos vieiros da vida que comezan no serán: “ como lágrimas na choiva/ chora pétalos a tarde/ viste o vento de suspiros/ espido vou de equipaxe”. A viaxe do home, cara a ningures, é longa e duradeira; dalle tempo a relembrar as vivencias da nenez, tan afastadas: “Andei tanto que me fixen neno: vin, outra vez o voo das bolboretas… abrinlle as miñas ás ao azul do ceo” As interminables e distintas situacións coas que se atopa o peregrino da vida arranca ao vate fondos lamentos cando a nostalxia invade de dor e tristeza o deambular por unha vida que leva a ningures. “No ceo catro raiolos / tecen as cellas das nubes / cos fios dun vento maino… / E no prado, / mil centos verdes mirando / a morna pel do meu pranto… (Sí, estou chorando).”
Os fermosos versos de “Camiñante de ningures” trascenden un pesimismo vital consecuente coa inquedanza ou a convicción de que o camiño leva a ningures e redúcese a esperanza e a ilusión porque o discurrir da existencia non ten outros horizontes, enmarcados por ese mar físico e anímico, sempre presente na súa poesía: “ Érase unha vez o mar; por riba do mar, azul/ polo outro lado do ceo / outro mar”. É o círculo que pecha toda ilusión por transcender e acadar unha plenitude vital, afectiva e de humana comuñón trascendente que o camiñante non vislumbra , para refuxiarse nas súas nostalxias, como remedo a unha situación non acorde cos valores humanos e espirituais que algunhas persoas albergan.
Celebramos con xúbilo a aparición deste libro que, como decía ó principio, amósanos o Paco Rivas dun novo rexistro lírico a quen hai tempo temos calificado, precisamente, como poeta de variados rexistros. Lingüista, rapsoda brillante, que de sempre nos ten agasallado cunha lírica, intimista e resplandecente, coa que gañou a merecida sona acaso como mellor poeta consagrado no parnaso do noso territorio. Os nosos parabéns.
O libro, editado por Follas Novas, ten na portada un fermoso debuxo de inconfundible autoría do prestixoso artista plástico Otero Regal, compatriota de Paco, pois ambos son de Nois, o que sen dúbida fai que sexa ésta a parroquia focega con mais artistas de tal categoría por Km. cuadrado. Non é a primrira vez que ambos amigos colaboran: a poesía de Paco e a ilustración de Otero Regal.
E como anécdota diremos que este libro de Paco Rivas naceo en plenas festas de San Lourenzo, presaxio da boa acollida que sen dúbida vai a ter, pois na súa páxina derradeira a editora informa que se rematou de imprentar o 10 de agosto de 2012, festividade de San Lourenzo. Difícilmente as nosas festas patronais puderan ter mellor epílogo.
Suso Fernández