Site icon Crónica3.com A Mariña

Representantes da Deputación reivindican en Foz os produtos pesqueiros da Mariña na III Festa do marisco

Lara Méndez e José Ramón Val reivindican a calidade dos produtos pesqueiros da Mariña na III Festa do Marisco

– A Deputación colaborou con El Progreso na celebración desta cita gastronómica que reactiva a economía, mantén emprego e fixa poboación co pulo dos produtos autóctonos

– Centos de persoas puideron degustar hoxe no Paseo da Riberia de Foz un menú composto por nécoras, percebes, berberechos, mexillóns e cigalas cun prezo de 18 ou 20 euros

A Vicepresidenta Segunda e o Deputado de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, os mariñanos Lara Méndez e José Ramón Val Alonso, reivindicaron este sábado en Foz a calidade dos produtos pesqueiros da Mariña durante a celebración da III Festa do Marisco. É a cita gastronómica que, por terceiro ano consecutivo, organiza o grupo El Progreso, contando coa colaboración do organismo provincial -entre outras institucións- ó compartir a aposta polo pulo dos sectores estratéxicos -como é a pesca- e dos produtos autóctonos -caso dos pesqueiros- para contribuír a reactivación da economía, manter postos de empregos e fixar poboación en Lugo.

E é que a Deputación adica 100.000 euros este ano á celebración doutros 25 certames na provincia destas características –por exemplo, as Festas do Percebe, do Berberecho ou a Feira de Produtos Artesanais e Ecolóxicos-, así como ó impulso de todas as confrarías mariñanas. O organismo lugués potencia ademais a comercialización dos produtos autóctonos, incrementando os beneficios de autónomos e PEMES, coa marca de calidade Lugo Sabe que, a custe cero, xa posúen 40 alimentos que se distribúen en 14 establecementos de Lugo e A Coruña. Cómpre destacar que, na actualidade, a institución mantén aberto o prazo para que outros 125 establecementos acaden este distintivo de xeito gratuíto para promocionarse e incrementar a súas vendas. Da mesma forma, todas as entidades que o desexen tamén poden sumarse á 1º plataforma de comercio electrónico na provincia creada pola Deputación. Trátase de www.losproductosdelugo.com, á que se adheriron, sen gasto algún, 47 empresas que teñen á venda en Internet 230 produtos.

Festa do Marisco

Na cita en Foz, vendéronse durante 12 horas e de xeito interrompido nécoras, percebes, berberechos, cigalas e mexillóns, a 20 euros o menú ou a 18 euros no caso de mercar os tiquets de xeito anticipado. Na terceira edición deste festexo, logo da que acolle o Porto de Burela en 2010 e a da Praza do Campo de San Cibrao en 2011, colaboraron, ademais de El Progreso e Deputación de Lugo, o Concello de Foz, Xunta de Galicia, Palacio de Cristal, Asociación de Comerciantes, Industriais e Autónomos (ACIA) de Foz, Cetárea Burela, Distribucións Carreiras, Logaidea Comunicación, Os Molineros, Nos, Construcciones y Canalizaciones Saa e Toldos Jocar.

Exit mobile version