-O municipio participará o mes que vén na primeira Semana de Galicia que terá lugar en Houston (Texas)
-A presenza de Cervo neste evento realizarase unicamente a través dunha empresa, que será a encargada de viaxar ata a cidade para dar a coñecer o municipio e de continuar co traballo de promoción ao longo do ano
Cervo, 24 de agosto de 2012-O Concello de Cervo participará na primeira Semana de Galicia en Houston que terá lugar nesta cidade do estado norteamericano de Texas entre os días 17 e 23 de setembro co obxectivo de presentar a comunidade galega como un espazo atractivo turística e empresarialmente. Este mediodía o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, a edil de Turismo, Begoña Alonso e a xerente da empresa organizadora Go Galicia Worldwide Business, Isabel Bugallo, presentaron a iniciativa.
Este evento de proxección internacional, no que estarán presentes a Xunta, varios concellos e outras entidades e comercios galegos, será un escaparate promocional para Cervo, xa que permitirá dar a coñecer o municipio nesta rica e emerxente cidade estadounidense como un novo destino turístico, así como un novo contorno empresarial no que realizar investimentos ou no que abrir incipientes relacións comerciais. Para conseguir eses obxectivos, persoal da empresa organizadora viaxará ata Houston e percorrerá os distintos espazos de negocios e de socialización da cidade presentando o municipio de Cervo como un novo foco de atención turística e empresarial.
Ademais, cabe destacar que a imaxe de Cervo irá ligada á de Sargadelos como un dos emblemas do municipio e como un sinal de identidade tanto de Cervo como de toda Galicia. A empresa cerámica colabora co Concello elaborando pratos cun deseño exclusivo pensado para ese evento.
A presenza de Cervo na Semana de Galicia en Houston incluirá a presentación do municipio cervense o primeiro día, o 17 de setembro, da que se encargará persoal da empresa. Ao mesmo tempo, está prevista a divulgación de numeroso material promocional en diversos formatos, dende impreso ata multimedia. En concreto, o municipio amosará os seus atractivos a través de folletos de información turística, fotografías e vídeos nos que se destacarán especialmente aqueles elementos que reclaman e valoran os estadounidenses á hora de elixir o seu destino vacacional. É moi relevante destacar que a Semana de Galicia será o primeiro impacto co que sorprender e chamar a atención dos turistas e inversores potenciais, pero o traballo de difusión e as novas relacións e contactos serán constantes durante un ano, polo que os resultados do evento e das futuras xestións poderanse notar a medio prazo.
“Cervo dispone de numerosos atractivos y de elementos diferenciadores que hacen del municipio un territorio único, y es precisamente lugares especiales y diferentes lo que están buscando en estos momentos los tejanos como nuevos destinos turísticos de calidad” asegura a edil de Turismo, Begoña Alonso, “y por ello debemos aprovechar y potenciar nuestra riqueza natural, patrimonial, cultural y gastronómica como carta de presentación para darnos a conocer en el continente americano y captar nuevos perfiles de turista, en este caso de nivel adquisitivo medio y alto, que permitan diversificar nuestro público objetivo”.
Novos mercados
A edil de Emprego, Yolanda Pedreira, destaca ademais a dobre vertente desta iniciativa, xa que xunto á promoción turística, as empresas asentadas no municipio que o desexen poderán estar presentes na Semana de Galicia en Houston, onde se ofrecerá información da súa actividade co obxectivo de poder iniciar un primeiro contacto para posibles relacións comerciais ou a captación de novos inversores. Neste caso, a Concellería de Emprego anuncia que todas as empresas, comercios e profesionais de Cervo que estean interesados en ter presenza na feira de Houston pódense poñer en contacto co Concello para facer as xestións oportunas.
A elección de Houston como sede desta primeira Semana de Galicia responde ás propias características da cidade, que nos últimos anos se converteu no principal centro financeiro e comercial do sur dos Estado Unidos, cunha forte economía baseada en sectores estratéxicos e frutíferos que aposta cada vez máis polo comercio internacional. “Este é o perfil de cidade no que darse a coñecer e que pode abrir novas posibilidades para Cervo, tanto polo rico e diversificado tecido empresarial e industrial de Houston como polos seus anhelos de abrirse ao mundo e procurar novos negocios” explica Pedreira.
O lema da Semana de Galicia, “Welcome to Galicia. The new taste of Spain” (Benvidos a Galicia. O novo sabor de España) fala da orientación e dos obxectivos desta feira, xa mencionados. “Consideramos que esta é unha grande oportunidade para pouco a pouco posicionar Cervo como destino turístico e empresarial noutros lugares aos que ata o de agora non chegabamos” explica a edil de Emprego. “Trátase dun paso inicial que agardamos teña moi bos resultados nos nosos sectores produtivos e a nosa economía local” remata Pedreira.