Alcaldes, portavoces, deputados e cargos públicos da formación popular nesta comarca mantiveron unha xuntanza de traballo co seu presidente provincial e portavoz do PP no Senado
Jose Manuel Barreiro abre o novo curso político provincial cunha reunión co Partido Popular da Mariña
Unha das cuestións obxecto de debate neste encontro popular foi a relativa a tarifa eléctrica de Alcoa, fronte a que quixo transmitir unha mensaxe de tranquilidade: “Loitaremos por atopar unha solución satisfactoria”
Barreiro sinalou que Fomento cumpre coa Mariña e desbloquea os pagos pendentes polas expropiacións do treito da Transcantábrica entre Mondoñedo e Lindín que levaban catro anos paralizados pola anterior administración socialista.
O presidente provincial destacou que o Goberno galego do Partido Popular está a dar os primeiros pasos para a ampliación do centro hospitalario mariñán que o pasado ano cumpriu o seu 25 aniversario de funcionamento
Jose Manuel Barreiro reuniuse cos alcaldes, portavoces locais, deputados e principais cargos públicos da formación popular nesta comarca a fin de analizar distintas cuestións de actualidade e poñer en marcha a maquinaria do partido coa mirada posta nas vindeiras eleccións autonómicas.
TARIFA ELÉCTRICA DE ALCOA
Unha das cuestións analizada neste encontro popular foi a relativa a tarifa eléctrica de Alcoa. Barreiro explicou que o Goberno español, máis en concreto o Ministerio de Industria, está negociando coas empresas afectadas e coas eléctricas para acadar unha solución e lembrou que ata final de ano segue vixente a actual tarifa eléctrica.
Ao mesmo tempo o presidente dos populares lucenses deixou claro ante os representantes políticos do PP comarcal que será a formación política que preside a primeira á hora de poñerse ao carón dos traballadores desta compañía e reivindicar a necesidade de promover todos os mecanismos necesarios para garantir o futuro dos empregos e da actividade industrial dunha empresa que representa o principal motor económico da Mariña e, por influencia no seu PIB -entorno ao 30%- un dos motores económicos de toda a provincia.
SOLUCIÓNS FRONTE AOS 24 MIL MILLÓNS DE DÉFICIT TARIFARIO
“O Partido Popular, o Goberno da Xunta, o Ministerio, os alcaldes e portavoces… estamos traballando na mesma dirección e sen pausa por corrixir aquilo que outros non quixeron ou souberon arranxar. Para corrixir a situación herdada dos socialistas e ofrecer solucións á difícil problemática que atopamos ao chegar á responsabilidade de goberno en España: Un déficit eléctrico disparado, con 24 mil millóns de euros e un marco tarifario para grandes consumidores cuxo prazo de vixencia remata ao finalizar este ano. Desde a confianza neste esforzo, quero dar unha mensaxe de confianza: Loitaremos por atopar unha solución satisfactoria”.- asegurou Barreiro.
DESBLOQUEO AOS PAGOS DA TRANSCANTÁBRICA
O encontro popular tamén servirá para analizar outras cuestións da actualidade provincial, galega e nacional, así como medidas de importancia para a Mariña lucense como son o futuro das infraestruturas comarcais. Neste senso Barreiro deu a coñecer unha boa nova: Fomento desbloqueou os pagos pendentes polas expropiacións do tramo da Transcantábrica entre Mondoñedo e Lindín.
Segundo explicou Barreiro gran parte destes pagos estaban paralizados pola administración socialista anterior pese a que as actas de ocupación dos terreos databan, en moitos casos, do ano 2007, fecha na que os seus propietarios xa non puideron facer uso dos terreos. A realidade era que catro anos despois aínda se adebedaban o pago total das indemnizacións, feito que veu a corrixir agora Fomento en cumprimento dun compromiso da nova ministra, Ana Pastor, que ordenou o desbloqueo dos pagos pendentes nesta infraestrutura.
AMPLIACIÓN HOSPITAL DA COSTA
Finalmente, o presidente provincial do PP resaltou que o Goberno galego do Partido Popular está a dar os primeiros pasos para a ampliación do centro hospitalario mariñán que o pasado ano cumpriu o seu 25 aniversario de funcionamento. Segundo explicou Barreiro, Sanidade vén de confirmar que o Goberno galego está traballando na elaboración dun novo plan funcional do Hospital da Costa adaptado ás novas necesidades dos cidadáns da Mariña e ás innovacións médico-cirúrxicas acontecidas nos últimos anos, xa que o anterior plan, elaborado polo bipartito, non responde ás novas tendencias arquitectónicas.
Segundo explica Barreiro, este novo plan funcional presentarase antes de que remate o presente ano. E que, logo da presentación do plan funcional, a Xunta traballará no plan director e arquitectónico do hospital de Burela, dotándolle da consignación económica precisa nos orzamentos de 2013.