Sargadelos inaugura o Taller Internacional de Cerámica no que 30 creadores participan en experiencias con arxila galega
-A factoría tamén traballa nun proxecto sobre Cerámica e Gastronomía no que colabora o Concello de Cervo
Entre os eventos da inauguración do Taller Internacional de Cerámica tamén se atopaba a celebración dunha Mesa Redonda. O tema a debater era “Deseño e Gastronomía, novos usos, novos soportes” e para abordalo acudiron profesionais de diferentes disciplinas, como deseñadores, arquitectos e gastrónomos, dous deles procedentes da Oficina do Historiador da Habana, coa que Sargadelos traballa nun proxecto sobre cerámica e gastronomía co que tamén colabora o Concello de Cervo. Esta iniciativa consiste na análise da influencia mutua que existe entre o deseño e a gastronomía.
Durante a inauguración, o alcalde de Cervo recoñeceu “a importante labor de formación, innovación e renovación constante que guía todas as actuacións que desenvolve Sargadelos”. O Taller Internacional de Cerámica ou o proxecto Cerámica e Gastronomía son exemplos “desta aposta da factoría por seguir avanzando pero, sobre todo, por incluír a cerámica dentro do contexto actual e por mesturalo con outras disciplinas que están directamente ligadas a ela, como a gastronomía, o deseño, a arquitectura e outras vertentes da arte para non perder a perspectiva e evitar que a cerámica quede illada” engade Villares.
Taller Internacional de Cerámica
O Taller Internacional de Cerámica, que comezou onte e rematará o 22 de agosto, reúne a deseñadores, ceramistas, arquitectos, publicistas, deseñadores gráficos e alumnos de Belas Artes. Todos eles participarán na elaboración de pezas de cerámica combinando as técnicas tradicionais coas máis recentes, que inclúen as últimas tecnoloxías de aplicación cerámica.
No acto de apertura do taller tamén tivo lugar a inauguración dunha nova exposición titulada “From form”. Esta mostra é o resultado dun taller realizado polo alumnado de segundo curso da Escola de Arquitectura do Centro de Estudos Superiores Universitarios de Galicia (CESUGA) xunto con Sargadelos. Nel, os estudantes realizaron unha intervención sobre unha peza de cerámica de Sargadelos, en concreto dunha cafeteira, que foi dividida en 15 fragmentos diferentes. Cada alumno se ocupou dun deses anacos e a partir del tivo que deseñar pezas do mobiliario urbano como bancos, luminarias, muros ou pérgolas. O taller rematou coa creación de 15 pratos nos que aparecen os deseños dos alumnos e que forman parte da exposición.