Site icon Crónica3.com A Mariña

Un cineasta alemán busca localizacións en San Cibrao para a rodaxe dunha longametraxe

A vila de San Ciprián perfílase como o lugar principal para a rodaxe dun filme dirixido por Rainer Kirberg

-O cineasta xa está na vila e hoxe mesmo fará probas de gravación nas festas da Maruxaina

Cervo, 11 de agosto de 2012-San Ciprián é o lugar elixido polo cineasta alemán Rainer Kirberg para a rodaxe da maior parte das escenas en terra do seu último proxecto, unha longametraxe titulada “La ausencia”. O director de cine atópase estes días na localidade xunto ao produtor de Zeitun Films, Felipe Lage, procurando localizacións que se axusten á idea inicial, buscando os recursos necesarios para a película e avanzando en trámites administrativos. Esta viaxe é unha toma de contacto inicial para analizar con detemento os distintos espazos da localidade, percorrelos e ver as súas posibilidades en relación ao guión para confirmar a súa intención de rodar en San Ciprián.

A edil de Cultura e Turismo, Begoña Alonso, reuniuse con eles e acompañounos por varios puntos da localidade para achegarlles información que lles resulte de axuda e acolleu o proxecto con entusiasmo. “El audiovisual es un medio con mucha capacidad de atracción y de convocatoria, con enormes posibilidades tanto por sus atrayentes recursos como por su capacidad de llegar a todo el mundo. Por eso, que las calles, las plazas o las playas de San Ciprián se puedan reconocer en una película es una oportunidad extraordinaria para darle más proyección turística” explica Alonso.

O filme conta a historia dun percebeiro novo que se perde nunha illa remota. As localizacións urbanas corresponderíanse na meirande parte con San Ciprián, mentres dirección e produción buscan aínda o lugar axeitado para as escenas de mar. As illas dos Farallóns poderían ser esa localización na que se perde o protagonista, aínda que terán que achegarse ata o arquipélago para decidir a súa idoneidade.

Kirberg e Lage quixeron vir a San Ciprián nesta época para estar presentes durante a festa da Maruxaina, xa que están moi interesados en gravar esta celebración e utilizar imaxes do evento no filme. De feito, hoxe mesmo comezaron a facer gravacións de proba nos distintos actos da Maruxaina para, deste xeito, coñecer con profundidade as dificultades que poderían e poder corrixilas na gravación final, xa que queren asegurarse de que no momento na rodaxe dun evento tan multitudinario non se produza ningún fallo. Neste caso, ao tratarse dunha peza de ficción, o director ten pensado recorrer ao simbolismo da Maruxaina e á metáfora da súa lenda. A idea de Kirberg tamén é buscar a máxima integración do filme coa vila, polo que no seu momento buscará a colaboración da veciñanza na rodaxe.

A Internet foi determinante á hora de buscar o lugar ideal para a súa gravación, xa que a través desta ferramenta estiveron á procura de vilas que foran adecuadas ao seu proxecto ata que deron con San Ciprián, a favorita de Kirberg.

Esta toma de contacto é a primeira doutras moitas que se sucederán se finalmente San Ciprián remata sendo o escenario principal do filme, xa que tras esta visita chegarían outras con máis membros do equipo. Unha película que podería comezar a rodarse no verán de 2013 e para a que é moi importante coñecer con detalle as localizacións, xa que, unha vez elixidas, permitirán continuar con tarefas tan relevantes como o cásting de reparto.

Zeitun Films é unha produtora coruñesa que arrincou hai tres anos e en tan pouco tempo xa conseguiu que a súa primeira produción, “Todos vós sodes capitáns” fose a única cinta galega que chegou ao Festival de Cannes. Rainer Kirberg é director de cine independente alemán e moitas das súas películas son consideradas cintas clásicas, como por exemplo The last revenge, rodada nos anos 80. O seu último filme, “The sleeping girl” (“A moza durminte”), rodada no 2011, pasou por numerosos festivais e no 2013 estrearase nas salas de cine alemás.

Exit mobile version