Site icon Crónica3.com A Mariña

80 persoas sen traballo asisten a 6 cursos formativos en Cervo

Uns 80 desempregados participan en 6 cursos formativos impartidos en Cervo e financiados pola Xunta

-O alcalde, Alfonso Villares, e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, visitaron un dos cursos para comprobar o seu bo desenvolvemento

-Dúas desas accións formativas teñen lugar en instalacións municipais cedidas polo Concello para este fin

Cervo, 11 de setembro de 2012-O alcalde de Cervo, Alfonso Villares e a delegada da Xunta en Lugo, Raquel Arias, achegáronse este mediodía ata a antiga escola de San Román, onde se imparte o curso de atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais que financia a administración autonómica. A visita realízase un mes despois do seu inicio co obxectivo de comprobar o seu bo desenvolvemento.

Este curso forma parte dun amplo programa formativo posto en marcha dende mediados de ano pola Xunta de Galicia co obxectivo de mellorar ou reorientar a cualificación profesional de persoas en paro. En concreto, en Cervo estanse impartindo 6 cursos, 2 deles en instalacións municipais. En total participan neles uns 80 desempregados e o investimento que realiza a administración autonómica é de preto de 450.000 euros.

A oferta formativa inclúe varias especializacións, boa parte delas centradas no eido dos servizos sociais como a atención sociosanitaria a persoas dependentes, auxiliar de enfermería en xeriatría ou atención especializada para enfermos de alzheimer, este último xa finalizado. A oferta complétase con dous cursos de actividades administrativas na relación co cliente, incluídos na rama profesional de administración e xestión, e cuxa transectorialidade permite exercer tarefas moi variadas en multitude de empresas e administracións; e o de ebanistería, que forma parte dos cursos do Centro de Formación Ocupacional de Viveiro pero que se imparte na Casa da Administración de Sargadelos.

O programa formativo impulsado e sufragado pola administración autonómica chega a numerosos concellos da Mariña, territorio no que se están ofrecendo xa máis de 30 cursos dos que se benefician uns 500 desempregados e que suman un orzamento de máis de 2 millóns de euros.

O alcalde de Cervo, Alfonso Villares manifestou o seu agradecemento “á Xunta por poñer en marcha iniciativas 100% eficaces á hora de fomentar a inserción laboral de persoas sen traballo”. O rexedor tamén transmitiu a súa satisfacción por “poder colaborar coa administración autonómica” e por iso “puxemos ao seu dispor as nosas instalacións, que acollen dous dos seis cursos”.

Para Villares “iniciativas coma esta son imprescindibles, especialmente nestes tempos”. Pero ademais, o mandatario cervense destacou que estes cursos están programados tendo en conta as ramas profesionais nas que hai máis oportunidades, “eses sectores que máis traballadores demandan e onde hai máis facilidades para atopar emprego”. Por iso, o rexedor manifestou “a nosa disposición para seguir colaborando en accións coma esta e en todas aquelas actividades que abran novas posibilidades ás persoas desempregadas”.

Exit mobile version