Site icon Crónica3.com A Mariña

A concelleira de Medio Ambiente afirma que a calidade das augas das praias de Burela foi excelente durante todo o verán

A CALIDADE DAS AUGAS DAS PRAIAS DE BURELA FOI EXCELENTE DURANTE TODO O VERÁN, SEGUNDO PATRICIA LÓPEZ EIJO. A EDIL DE MEDIO AMBIENTE SUBLIÑA QUE OS DATOS SON PÚBLICOS E QUE CALQUERA PODE CONSULTALOS.

Burela, 28 de setembro de 2012. A calidade das augas das praias de Burela foi excelente durante todo o verán, segundo os datos que acaba de dar a coñecer a concelleira de Medio Ambiente. Patricia López Eijo asegura que os datos son públicos e que calquera pode consultalos e advirte que o equipo de goberno non permitirá que se diga nos medios de comunicación que a calidade das augas de baño das praias de Burela non é boa e que se puxo en risco a saúde dos veciños e veciñas, así como a dos visitantes que acudiron a Burela.

Patricia López Eijo explicou que “en canto ás analíticas realizadas na tempada 2012 nas praias de A Marosa, Ril e O Cantiño a calidade das súas augas foi excelente ou óptima. Os valores dos parámetros microbiolóxicos analizados acadaron os mellores resultados dende o 2010, e todo apunta a que manterán a cualificación sanitaria global de excelente neste 2012”. A concelleira de Medio Ambiente sinalou que “no caso do Portelo a calidade foi excelente ou óptima en case todas as analíticas realizadas nesta tempada, tan só en dúas ocasións a concentración acadada de Escherichia Coli rebaixou puntualmente a cualificación sanitaria. Non obstante, os valores dos parámetros microbiolóxicos analizados acadaron os mellores resultados tamén dende o 2010 e polo tanto, tamén apunta a que manterá a cualificación sanitaria global de excelente no 2012”.

Polo que se refire á praia de Penoural Eijo dixo que “se ben é certo que nos controis previos, que se realizan antes da tempada de baño, os valores dos parámetros microbiolóxicos analizados acadaron valores que aconsellaron non recomendar o baño. Na tempada de baño 2012, á vista dos resultados dos parámetros microbiolóxicos analizados, podemos dicir que esta praia resultou sempre apta para o baño, sendo excelente a súa cualificación na analítica realizada a principios de agosto, en plena época estival”.

A concelleira de Medio Ambiente indicou que “todo isto fainos pensar que as actuacións levadas a cabo no emisario submarino reverteron considerablemente na calidade da zona de baño deste areal, que no 2010 estivo practicamente pechado durante todo o verán, e chegou a provocar o peche da praia de Portelo en pleno agosto, época de maior afluencia as praias”. Patricia López Eijo subliña que “todos estes datos son públicos e calquera que queira pode velos, polo tanto o que non vamos permitir é que se diga nos medios de comunicación que a calidade das augas de baño das praias de Burela non é boa e que se puxo en risco a saúde dos veciños e veciñas, así como a dos visitantes que acudiron a Burela, porque non é certo”.

Exit mobile version