Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación compensará os seus traballadores públicos pola perda da paga de Nadal

A DEPUTACIÓN GARANTIRÁ O PODER ADQUISITIVO DOS SEUS TRABALLADORES PÚBLICOS

O pleno da corporación provincial aprobou estudar o xeito de compensar aos traballadores públicos pola perda da paga de Nadal que impuxo o PP no goberno do Estado

A Deputación tamén aprobou interpor recurso contra o Real Decreto – Lei 24/2012 de 31 de agosto para evitar que os afectados polas preferentes teñan que asumir perdas á hora de recuperar o seu diñeiro

Tamén se leu unha declaración institucional a favor do mantemento da factoría de Alcoa en San Cibrao que estivo seguida por traballadores da empresa que se desprazaron a Lugo

Lugo, 25 de setembro de 2012. O grupo de Goberno da Deputación Provincial de Lugo aprobou, no pleno celebrado esta mañá, cos votos en contra do PP, que a Deputación de Lugo procure alternativas e fórmulas para compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos trala imposición por parte do PP do Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, que anula a paga de Nadal aos empregados públicos.

Tal e como defendeu o deputado do BGN e vicepresidente da Deputación de Lugo, Antonio Veiga “até o de agora, o “programa de reformas” executado polo PP, que o seu nome correcto sería “programa de recortes”, só deu como resultados máis desemprego, unha caída no consumo e na actividade económica e un maior estancamento do crédito ás persoas emprendedoras, empresas e familias. Ningún sector económico é alleo nestes momentos á crise, porén tampouco se están a elaborar estratexias para reactivar o pulso económico nos mesmos. Diante desta situación, nós debémonos poñer do lado de quen está a padecer a crise e tratar de compensar a caída do consumo que de seguro se produciría no caso de que os empregados públicos de Lugo (unha cuarta parte da poboación activa) quedasen sen paga de Nadal”.

Por todas estas cuestións, “temos que rexeitar a decisión de impor ás empregadas e aos empregados públicos, particularmente os vinculados ás entidades locais, e buscar alternativas e fórmulas para tratar de compensar a perda do poder adquisitivo das empregadas e dos empregados públicos municipais, instando á Xunta de Goberno provincial a que adopte as medidas necesarias para atinxir ese obxectivo – afirmou Antonio Veiga. E, como medida de solidariedade cos empregados públicos afectados polo Real Decreto-Lei 20/2012, a Corporación Provincial de Lugo non perciba este ano a paga extra de Nadal”.

Preferentes

Por outra banda, a Deputación tamén aprobou, cos votos en contra do PP, instar á Xunta a interpor un recurso contra o Real Decreto – Lei 24/2012 de 31 de agosto, no camiño de tratar de evitar que os afectados polas preferentes teñan que asumir perdas á hora de recuperar o seu diñeiro. Esta proposta contou coa defensa do portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, quen afirmou que “o goberno do Estado quere legalizar a expropiación do recursos dos afectados a golpe de decreto, invadindo, incluso, competencias autonómicas e quebrantando principios constitucionais”.

O citado Real Decreto – Lei concede facultades excepcionais ao Fondo de Reestruturación de Ordenación Bancaria (FROB) para mudar, de xeito unilateral, as condicións pactadas nas participacións ou noutros instrumentos financeiros análogos, mesmo impondo cambios obrigatorios por outros produtos financeiros. “Isto supón –explicou Outeiro- que os subscritores de participacións preferentes cheguen a ter que asumir perdas de até un 70% a respecto do valor inicial das mesmas e que só poidan percibir polos seus activos o valor de mercado máis, como máximo, un 10%.”

Alcoa

Coa presenza de máis de dúas ducias de empregados de Alcoa, a sesión plenaria desta mañá comezou cunha declaración institucional na que o equipo de Goberno provincial, a instancias do grupo provincial do Bloque Nacionalista Galego, defendendo o mantemento da planta alumieira en San Cibrao na que se urxe ao Executivo estatal a presentar, de xeito inmediato, unha solución ao problema da tarifa eléctrica que permita garantir a viabilidade de Alcoa na comarca da Mariña.

Para o vicepresidente da Deputación, en declaracións fóra da sesión plenaria, “as declaracións de Feijóo son oportunistas e electoralistas e volven a estar fora de tempo. Non se pode falar de “optimismo” cando está a piques de rematar o prazo dado pola factoría para o seu peche, a menos que exista xa unha solución e o Goberno de Rajoy esté esperando ao inicio da campaña electoral das autonómicas para anunciala.”

“É certo –continuou Veiga- que o ministro de Industria, José Manuel Soria, comprometeuse a vir a Galiza e manter unha xuntanza con nós, pero se a estas alturas ten que vir para “ver exactamente a factoría e as instalación para coñecer o problema” tal e como dixo Feijóo, é unha demostración máis da falla de previsión e despreocupación do Goberno central porque levamos meses con este problema e sabíase que en decembro deste ao remataba o contrato actual”.

Antonio Veiga considera que todas as declaración que sobre Alcoa fixeron os diferentes responsables do Partido Popular son “un cúmulo de despropósitos, de meras declaracións de intencións coas que evitar calquera tipo de responsabilidade”

Exit mobile version