Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación presentou en Foz a regata do campionato galego de vela da clase optimist

O VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE LUGO PRESENTOU A REGATA DO CAMPIONATO GALEGO DE VELA DA CLASE OPTIMIST

Antonio Veiga explicou que “este tipo de probas deportivas, ademais de incentivar un hábito saudable, serven para fomentar as relacións sociais entre os máis pequenos e as súas familias”

As augas do Golfo do Masma acollerán esta regata os días 8 e 9 de setembro baixo o nome “Trofeo Virxe do Carme”

Foz, 5 de setembro de 2012. A vila de Foz acollerá, esta fin de semana, a regata clasificatoria para o Campionato Galego da clase Optimist de Vela “Trofeo Virxe do Carme”. Así o anunciou o vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga. O Club Náutico de Foz e a Federación Galega de Vela, en colaboración coa Vicepresidencia da institución provincial, son os encargados de organizar esta proba que está dirixida a rapaces e rapazas de entre 10 e 15 anos de idade, procedentes de toda Galiza.

Durante a súa intervención, Antonio Veiga explicou que “dende a área de Deporte da Deputación de Lugo apostamos polo deporte de base, e esta regata é un bo exemplo diso, xa que ademais de incentivar un hábito saudable, serve para promover as relacións sociais entre os máis pequenos e as súas familias”.

Esta regata clasificatoria do Campionato Galego da clase Optimist, na que está previsto que participen arredor de 100 embarcacións, entre as que estará presente o Club Náutio de Foz, disputarase en augas do Golfo do Masma os días 8 e 9 de setembro, en horario de mañá. Destas probas clasificatorias sairán os 10 mellores nenos e nenas que comporán o equipo galego de Optimist para as competicións que se celebren fóra de Galiza.

O formato da competición será unha navegación en flota cun percorrido sobre un trapecio, calculándose a distancia total de maneira que cada proba dure entre 30 e 40 minutos, aproximadamente. Hai programadas seis probas, das cales deberá completarse como mínimo unha para que a regata sexa válida.

Unha vez finalicen as probas, o domingo, a partir das 17.00 horas, procederase á entrega de premios, con trofeos para os tres primeiros clasificados da categoría xeral, así coma os tres primeiros das categorías B e C.

Exit mobile version