Site icon Crónica3.com A Mariña

A Liga Céltiga Galaica denuncia a actitude persecutoria da Consellaría de Medio Ambiente coa Finca Galea de Alfoz

A asociación ecocultural LIGA CÉLTIGA GALAICA quere amosar a súa solidariedade coa FINCA GALEA de Alfoz, e asemade denunciar publicamente a actitude persecutoria da Consellaría de Medio Ambiente co devandito complexo turístico.

Dende hai tempo a Consellaría de Medio Ambiente está a tratar de converter o MUSEO DA AUGA da finca nun “museo da seca”, negándolle o caudal que legalmente lle pertence (764 litros por segundo) e deixándoa en ocasións con menos de 100 litros por segundo.

A devandita finca (espazo que combina de maneira exemplar turismo e sostibilidade ecolóxica), sempre destacou pola divulgación das primitivas técnicas labregas de aproveitamento, uso e reciclaxe dos recursos naturais, nomeadamente da auga.

Cómpre salientar que a totalidade da finca é cruzada por multitude de regos e canais que a converten nun verdadeiro centro de interpretación da enerxía hidráulica no rural galego ao longo da historia.

A Consellaría de Medio Ambiente construíu unha escolleira na presa da Finca Galea, algo necesario pra que o salmón volte desovar ao río, mais a contínua manipulación desta infraestrutura por parte do persoal da Consellaría fai que a finca fique cun caudal hídrico insuficiente pra fornecer todas as súas instalacións.

É rechamante que o resto das presas da zona amosen evidentes sinais de abandono mentres que a presa que afecta á Finca Galea estea a ser visitada acotío polos axentes da Consellaría, e sempre pra prexudicar o normal desenvolvemento deste espazo adicado ao turismo rural e á divulgación dos valores ecolóxicos.

Exit mobile version