A piscina cuberta de Lieiro retoma a súa actividade habitual co inicio do curso de aquagim
-Unhas 15 persoas participan nesta actividade acuática que comezou hoxe na quenda de mañá
-Os cursos de natación para nenos, para adultos e o aquagim na quenda de tarde iniciarán a súa actividade no mes de outubro
A actividade chegará á piscina olímpica progresivamente, xa que será no mes de outubro cando comecen os cursos de natación para nenos, de iniciación e perfeccionamento de natación para adultos, e de aquagim na quenda de tarde. Ao mesmo tempo manterase, ao igual que en anos anteriores, a posibilidade de facer preparacións específicas para opositores dentro dos cursos de natación para adultos.
Con este conxunto de actividades a delegación de Deportes ten como obxectivo “seguir potenciando o uso da piscina olímpica, ao igual que pretendemos facer con todas as instalacións deportivas municipais” explica a edil desta área, Yolanda Pedreira. “Cantas máis persoas se animen a utilizar os equipamentos públicos mellor aproveitados estarán os nosos recursos, xa que o obxectivo primordial é que a veciñanza se beneficie deles” engade Pedreira, que ademais asegura que con estas medidas “tamén estaremos cumprindo outro obxectivo, como é promover a práctica de deporte e exercicio físico entre os cervenses, tan importante para a saúde física e mental”.