ATA FINAIS DE MES ESTÁ ABERTO O PRAZO DE MATRÍCULA NA ESCOLA MUNICIPAL DE MÚSICA DE BURELA. MÓNICA PEDRE SUBLIÑA QUE SE MANTÉN A OFERTA EDUCATIVA DO CURSO PASADO.
Burela, 7 de setembro de 2012. Ata finais de mes está aberto o prazo de matrícula na Escola Municipal de Música de Burela. Será os mércores, xoves e venres en horario de dez da mañá a dúas da tarde.
Segundo explica a concelleira de Educación e Cultura, Mónica Pedre, “durante este curso, como en anos anteriores, a Escola de Música traballará na organización e desenvolvemento de actividades consistentes na organización, tanto a nivel escolar coma a través doutros colectivos, de cursiños de educación musical, luthería, concertos didácticos, talleres… nos que se traballarán diversos contidos como apreciación musical, discriminación auditiva, práctica instrumental, etc”.
A edil popular indicou que “continuará aberta a aula de formación musical para adultos e o curso de música e movemento para nenos entre catro e oito anos, así coma as especialidades instrumentais e as materias complementarias: linguaxe musical, coro, interpretación, formación orquestral, banda…”.
Pedre lembrou que “a Escola Municipal de Música de Burela foi posta en marcha a finais dos anos 90 por un goberno do Partido Popular. E tamén é un equipo de goberno do PP o que aumentou a súa oferta educativa, a pesares da situación actual de crise”. A concelleira de Educación e Cultura salientou que “se mantén a oferta educativa do curso anterior, que foi cando se incrementou en dous o número de profesores, cos chegados para impartir clases de óboe e frauta. O noso obxectivo é potenciar o propio como ocorre neste caso coa Escola Municipal de Música de Burela”.
Todos aqueles alumnos que desexen matricularse por primeira vez e sexan menores de idade, terán que presentar fotocopia do DNI dun dos pais, fotocopia do libro de familia e unha fotografía tamaño carné. Os maiores de 18 anos aportarán únicamente fotocopia do DNI e foto. As prazas que se ofertan para o curso 2012/2013 son un total de 114.