O equipo sénior feminino do Burela FS Pescados Rubén escolleu o municipio viveirense para pasar unha xornada fóra do común e vivir novas experiencias deportivas. As/Os representantes laranxas fixeron un alto no camiño de pretempada percorrendo o veciño monte San Roque nunha carreira de orientación, equipadas/os como auténticos exploradoras/es. O compás e o mapa deixaron paso despois ao arco e á frecha, nunha actividade na que as/os burelistas demostraron máis maña que forza e que a puntería laranxa supera as porterías.
Como peche da xornada de convivencia, as xogadoras, xunto ao corpo técnico e á directiva, puideron gozar dun xantar de confraternidade na idílica contorna da praia de Abrela, no Vicedo.