Site icon Crónica3.com A Mariña

Alfredo Llano, alcalde de Burela no pasado mandato, relevará a Val na Deputación

A ratificación da lista electoral do PSOE lugués obriga a cambios na Corporación provincial

-A Deputación celebrará un Pleno extraordinario o xoves para oficializar a renuncia de José Ramón Val como Deputado, axustándose á Lei Electoral de Galicia, que impide ocupar este cargo e ser candidato á Cámara autonómica

-Na mesma sesión plenaria abordarase a proposta do Presidente provincial de que Alfredo Llano, Alcalde de Burela no pasado mandato, releve a Val no organismo lugués

A ratificación da lista do PSOE lugués para as Elección galegas obriga a cambios na composición da actual Corporación provincial, ó renunciar á súa acta de Deputado o ata agora responsable da área de Economía do Coñecemento, Emprendedores e Innovación, José Ramón Val, axustándose deste xeito á Lei Electoral de Galicia, que impide ocupar este cargo e concorrer como candidato á Cámara autonómica. Para tomar conta da súa renuncia e facela oficial, a Deputación convocou un Pleno extraordinario este xoves, ás 11:00 horas.

Segundo a Lei Electoral de Galicia 8/1985 do 13 de agosto, ser Deputado provincial, Presidente de Deputación ou Alcalde é causa de inelixibilidade, é dicir, ningunha persoa con este cargo pode figurar nunha candidatura electoral. Por iso, José Ramón Val, que ocupa o número 3 na lista provincial do PSOE, xa presentou a súa renuncia, que se oficializará no Pleno extraordinario do xoves.

Nesta mesma sesión, abordarase a proposta do Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, de que Alfredo Llano, alcalde de Burela no pasado mandato e actual voceiro socialista neste Concello mariñano, tome o relevo de Val na Corporación provincial. Esta proposta será trasladada á Xunta Electoral Central, a entidade que emitirá a certificación do novo Deputado.

Novo, pero con sobrada experiencia

José Ramón Val Alonso, con 31 anos de idade, é Licenciado en Ciencias Políticas e da Administración pola Universidade de Santiago de Compostela (1999-2004), con postgrao en Especialización en Economía Pesqueira tamén na USC (2005). En 2006, con tan só 25 anos, foi nomeado Delegado Territorial da Consellería de Pesca en Lugo, cargo que desempeñou ata 2009. O seu coñecemento e compromiso coa Mariña lucense fixo que, a partires de dita data, colaborase coa Deputación no desenvolvemento de iniciativas en impulso da costa lucense.

Afiliado ó Partido Socialista dende 2004, Val Alonso converteuse en 2011 no Deputado máis novo deste segundo mandato progresista na institución lucense, logo de resultar elixido como representante do PsdeG-PSOE polo partido xudicial de Mondoñedo. Ademais de Deputado provincial é voceiro socialista no Concello de Foz.

A súa elección como número 3 na candidatura electoral dos socialistas lugueses responde ó obxectivo de Gómez Besteiro de configurar unha alternativa que combine renovación, veteranía, representación de todo o territorio e bagaxe profesional para acender o motor do cambio na Xunta de Galicia e abrirlle as portas do futuro á provincia, “a máis castigada por Feijóo”.

Forte presencia mariñana

Ocupando un dos postos de saída na lista electoral do PSOE, José Ramón Val acentúa o peso da Mariña na candidatura socialista, que conta con outros tres representantes da Costa –María Loureiro, Ismael Rego e María Isabel Rodríguez-, confirmando a relevancia que o partido lle da á comarca, tendo en conta que concentra un terzo do PIB lucense. Na Deputación, A Mariña conta tamén cunha destacada representación, tendo como Vicepresidenta Segunda a Lara Méndez.

Exit mobile version