Site icon Crónica3.com A Mariña

As bicicletas en Foz

AS BICICLETAS EN FOZ

A práctica do ciclismo ten o fundamento no primeiro gran invento da humanidade: a roda, que tódolos estudosos a dan procedente de Mesopotamia, varios milenios antes de Cristo. O primeiro uso que se fixo dela foi no torno do alfareiro. No último terzo do S.XIX o ciclismo comezou a arraigar como deporte, organizando Francia, en 1881, os primeiros campionatos de velocidade. Foi sen dúbida a primeira proba á que se someteu ao afeccionado, acaso impulsado por ese reto permanente no home de superar as propias marcas e a vaidade de amosar a superioridade ante o conxénere e vencelo no desafío. Pero afastado de todo concepto competitivo a práctica ciclista ofrece moitos outros aspectos que a converten en ámbito merecente de cultivarse e de ser socialmente promocionado, máis cada día. Xunto á camiñada e a natación, montar en bici é unha das formas máis recomendables para mellorar a capacidade aeróbica; un tipo de exercicio do máis beneficioso para a saúde, aparte outras consideracións, tamén de grande interese. Pero, como na maioría das actividades deportivas, é a nenez o mellor tempo para iniciarse nelas, pois o que escomeza sendo simple xogo tan do agrado dos rapaciños, en moitos casos convértese en auténtica afección, e mesmo paixón, cuxa práctica non abandonará e que, en boa medida, o día de mañá transmitirá aos seus descendentes. Ocorre, sen embargo, que os rapaces, para desarrollala, precisan de espazos adecuados, amplos, nos que podan circular sen riscos e sen causar atrancos a outras persoas, lugares dos que en Foz se carece “A súa falta acusa unha inexistente xestión porque se, por exemplo o paseo que leva de Llás a Peizás, traxecto que parece idóneo, se dotara dun carril para bicis, en boa medida paliaríase tal carencia”. Eso dicíamos no artigo que este cronista publicou o 15.10.06. Seis anos despois, e a pesares dos demagóxicos anuncios por parte do concello da obra que dicía partiría do Prado de Ramos, ou sexa, mellorándoa, seguimos igual porque nada se fixo. Unha vez mais a festa quedou só en foguetes… Saúde para celebrar mañá o Día da bicicleta en Foz.

Suso Fernández

Exit mobile version