Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo, Alfoz e O Valadouro solicitan obradoiros de emprego para 60 desempregados

Cervo, Alfoz e O Valadouro solicitan obradoiros de emprego para 60 desempregados

-O período formativo é de 6 meses combinando a cualificación profesional coa adquisición de experiencia laboral

Cervo, 8 de setembro de 2012-Os concellos de Cervo, Alfoz e O Valadouro veñen de presentar conxuntamente unha solicitude á Consellería de Traballo e Benestar para a concesión de obradoiros de emprego, acolléndose á convocatoria realizada polo departamento autonómico dirixida a todos os concellos galegos. En concreto, a petición inclúe módulos de instalación e mantemento de xardíns e zonas verdes; carpintería; e atención sociosanitaria e prevé a formación e capacitación profesional de 60 persoas desempregadas maiores de 25 anos. Nos últimos días o alcalde de Cervo, Alfonso Villares e os rexedores de Alfoz e O Valadouro, Emilio Losada e José Manuel Lamela respectivamente reuníronse para abordar os últimos detalles.

Os obradoiros de emprego están concibidos como programas mixtos de formación e emprego, de forma que se combina a súa cualificación profesional coa adquisición de experiencia laboral mediante a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou de interese social. Deste xeito, danse pasos no fomento da inserción ou reinserción laboral de persoas con formación anterior noutro campo de traballo ou sen formación específica en ningún eido.

Un dos aspectos a destacar é que unha vez rematado o período formativo, que dura 960 horas, as persoas participantes nos obradoiros poderán obter o certificado de profesionalidade, un título que será de moita utilidade na procura de emprego e que acredita ao posuínte de ter coñecementos suficientes para desenvolver un traballo nese ámbito laboral.

A unión de Cervo, Alfoz e O Valadouro á hora de presentar a solicitude responde aos requisitos fixados na convocatoria, na que se establece que os concellos con menos de 500 parados deberán realizar unha solicitude única xunto a outros concellos, que deben ser limítrofes.

A Xunta ten previsto un orzamento de 10,5 millóns de euros para atender as demandas dos concellos galegos para a realización destes obradoiros. “Dende a Concellería de Traballo consideramos que os obradoiros de emprego son unha das accións máis frutíferas dentro das políticas activas de emprego, xa que permiten ao alumnado rematar cos coñecementos e experiencia necesaria para empezar a traballar na especialidade elixida” explica a edil de Emprego, Yolanda Pedreira.

Exit mobile version