Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo conmemora o Día Mundial do Alzheimer e organiza cursos de memoria

Cervo conmemora o Día Mundial do Alzheimer cunha charla informativa e xogos de estimulación da memoria

-Os actos terán lugar este venres, ás 18:00 horas, no salón de actos da Casa do Mar

Cervo, 18 de setembro de 2012-O Concello de Cervo quere sumarse á conmemoración, o 21 deste mes, do Día Mundial do Alzheimer. Con este motivo, a área de Servizos Sociais organizou unha serie de actividades que terán lugar este venres ás 18:00 horas no salón de actos da Casa do Mar.

A xornada arrincará cunha charla sobre o alzheimer e a figura do coidador, impartida por unha terapeuta ocupacional. En concreto, a especialista informará aos asistentes das características desta enfermidade, dos síntomas que se poden relacionar con ela ou como diferencialos dos que presentan outras demencias.

Ao mesmo tempo, a relatora dará consellos e pautas sobre os coidados e atencións que precisan os enfermos de alzheimer, que prácticas son recomendables e cales se deben evitar, ou cal é a actitude do coidador máis beneficiosa para o afectado. Tamén ofrecerá información sobre as distintas entidades ás que poden acudir as familias ou as axudas existentes. O público poderá formular preguntas que serán atendidas pola especialista.

Ademais, ao remate da charla, realizaranse xogos de estimulación da memoria, que serán de utilidade para incorporarse ás rutinas diarias de persoas que se atopen dentro dos grupos de risco.

A edil de Servizos Sociais, Pilar Armada, asegurou que “pretendemos que estas actividades sexan de utilidade para as familias e os enfermos co obxectivo de que dispoñan de información, tanto para axudar a detectar os síntomas e así favorecer un diagnóstico precoz como para mellorar a atención ás persoas enfermas”.

————–
Servizos Sociais abre o prazo para apuntarse nos cursos de memoria dirixidos a todas as parroquias

-As clases comezarán en outubro e consisten na realización de exercicios con temáticas atractivas para estimular a capacidade cognitiva do alumnado

Cervo, 18 de setembro de 2012-O Concello de Cervo abre o prazo de inscrición para os cursos de memoria que a Concellería de Servizos Sociais porá en marcha de novo no mes de outubro. En concreto, ofértanse cursos en todas as parroquias co obxectivo de que “todas as persoas que estean interesadas en acudir ás clases teñan a posibilidade de asistir na súa propia parroquia” explica a edil da área, Pilar Armada.

Os veciños e veciñas que desexen participar teñen que chamar por teléfono á Casa da Cultura (982 595 157) ou ao número 615 321 386 e dar os seus datos. Unha vez feita a inscrición, serán informados dos horarios e dos lugares nos que se impartirán as clases.

Estes cursos de memoria adoitan ter moi boa acollida por parte dos cervenses, interesados pola “utilidade das actividades que se realizan nas clases, que axudan a manter a mente activa e a estimular as súas capacidades cognitivas” explica Armada. Pero ademais “son cursos atractivos polo dinamismo co que se desenvolven, xa que son xornadas amenas e nas que é habitual que exista unha boa relación entre o alumnado” engade a edil.

O método utilizado para exercitar a mente consiste en realizar exercicios de matemáticas, de lingua e ortografía, relacionados cos animais ou mesmo pasatempos que entrega a mestra e o alumnado completa para despois ser corrixidos en grupo. A edil de Servizos Sociais anima a participar a “todos os cervenses que queiran pasar unhas horas coa mente esperta mentres comparten o seu tempo con outras persoas”. Armada fai un chamamento especial aos homes, “xa que en anos anteriores a súa presenza foi moi reducida a pesar de que son actividades moi beneficiosas para todos”.

Exit mobile version