Site icon Crónica3.com A Mariña

Veciños de Cervo tratarán con técnicos de Consumo problemas das facturas da luz

A reunión con técnicos de Consumo para resolver dúbidas sobre os problemas coas facturas da luz será o martes día 2

-O goberno local pretende que a xuntanza vaia máis alá da simple explicación e exposición de información por parte dos técnicos, buscando que o encontro se converta nun foro aberto para compartir preguntas e respostas

Cervo, 29 de setembro de 2012-O Concello xa ten data exacta para a celebración dunha reunión con técnicos de Consumo para informar e asesorar aos afectados polos erros na facturación da luz que se están producindo en varios fogares cervenses. Dita xuntanza terá lugar o próximo martes día 2 de outubro, ás 19:00 horas na Casa do Concello.

Varios técnicos do Instituto Galego de Consumo, dependente da Consellería de Industria, encargaranse de explicar os procedementos necesarios para facer as reclamacións, os seus dereitos como consumidores e os seus deberes como usuarios. Pero ademais, as persoas asistentes poderán formular todas as preguntas que desexen aos especialistas co obxectivo de que dispoñan de toda a información que precisen para poder realizar correctamente todos os trámites e afrontar a situación con todos os coñecementos necesarios.

De feito, esa é a dobre vocación desta reunión, organizada e promovida polo goberno local, “primeiro darlles aos afectados todos os datos que precisan para avaliar a situación e poder reclamar e, despois, que esa reunión informativa pase a ser un foro aberto onde todos expoñan as súas dúbidas, xa que ben seguro que moitas son compartidas, e así resolvelas a un tempo” explica a edil de Facenda, Tania González.

A Secretaría de Alcaldía chamará nos vindeiros días para informar da data da reunión a todas as persoas que no seu momento atenderon á convocatoria do Concello para que deran os seus datos co obxectivo de ter un rexistro dos afectados para mellorar e personalizar a súa atención. Aínda así, aquelas persoas que non chamaran e que estean interesadas en atender ás explicacións dos técnicos poden acudir á reunión.

Exit mobile version