Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo organiza un torneo de pádel nas pistas do polígono de Cuiña

Cervo estrea o I Torneo de pádel que terá lugar os días 28, 29 e 30 de setembro

-O prazo de inscrición está aberto ata o día 26 ás 17:00 horas e nesta competición poderán participa ata un máximo de 24 parellas

Cervo, 22 de setembro de 2012-Os afeccionados á práctica de pádel teñen unha cita nas pistas do polígono de Cuíña os días 28, 29 e 30 deste mes, datas da celebración do primeiro torneo centrado neste deporte que se desenvolve no municipio de cervense. Un grupo de persoas que xogan ao pádel habitualmente puxeron en marcha esta iniciativa coa colaboración do Concello de Cervo, unha competición que nace con vocación de continuidade segundo os promotores. Un evento que se vén de presentar nun acto no que estiveron presentes a edil de Deportes, Yolanda Pedreira, e varios responsables da idea como son Jesús Pardo, Joaquín Guillén e José Antonio Fernández “Buckles”.

A organización ten establecida unha participación máxima de 24 parellas para garantir o correcto desenvolvemento do torneo. No caso de alcanzarse ese número, crearanse oito grupos integrados por tres parellas cada un. Así, na fase previa cada parella de cada grupo xogará dous partidos, pero só un de cada grupo se clasificará para os cuartos de final. Despois chegarán as semifinais e as finais.

En canto aos premios, haberá trofeos para as dúas parellas coa mellor puntuación, mentres a gañadora levará tamén unha pala e a segunda clasificada un paleteiro. Ao mesmo tempo, haberá detalles para todos os participantes. Para poder acudir é necesario realizar a inscrición por parellas, chamando aos teléfonos 645 943 215 ou 665 869 040 ata as 17:00 horas do 26 de setembro.

Dende o Concello, a edil de Deportes anima a participar ás persoas que practican pádel e destaca o carácter “innovador deste torneo, xa que é a primeira iniciativa competitiva sobre este deporte que se pon en marcha en Cervo”. Yolanda Pedreira resalta tamén “o efecto dinamizador que ten este torneo para os afeccionados ao pádel, xa que permite competir contra outras persoas enriquecendo o xogo, e ao mesmo tempo fomenta a súa práctica entre aquelas persoas que aínda non probaron esta disciplina, facéndoa máis visible”.

Exit mobile version