Site icon Crónica3.com A Mariña

Compromiso por Galicia, CxG, presenta un plano para apoiar a creación de empresas por parte da xente nova

COMPROMISO POR GALICIA PRESENTA UN PLANO PARA APOIAR A CREACIÓN DE EMPRESAS POR PARTE DA XENTE NOVA. ANUNCIOUNO O CABEZA DE LISTA POR LUGO, IVÁN MARRUBE.

Lugo, 27 de setembro de 2012. O cabeza de lista para a provincia de Lugo, Iván Marrube, ven de anunciar que o programa electoral co que Compromiso por Galicia concorrerá ás eleccións autonómicas o próximo 21 de outubro incluirá a PEME (Plano Estratéxico da Mocidade Emprendedora).

Iván Marrube explicou que nesta provincia “a taxa de paro entre a xente nova acada niveis

alarmantes, polo que se precisan políticas públicas de reactivación da actividade económica e máis concretamente no ámbito da mocidade, e non o auténtico despropósito destes catro anos, onde os mozos e mozas seguen a emigrar para poder sacar adiante os seus proxectos persoais e vitais mentres Feijóo mira para outro lado”.

Segundo Marrube, “cómpre apostar por unha sociedade creativa, emprendedora e traballadora, posibilitando á mocidade a súa inserción no tecido produtivo galego como actores principais e non nunha posición subsidiaria”. Este plano contempla unhas cifras que “son total e absolutamente asumibles nas actuais circunstancias financeiras para apoiar proxectos innovadores e de futuro formulados pola xente nova”. O PEME pivotaría en dous eixos, “o do asesoramento financeiro e de xestión empresarial e o de axuda directa”, segundo comentou Iván Marrube. O asesoramento consistiría na orientación empresarial á mocidade emprendedora acompañada da eliminación de todas as trabas burocráticas para a posta en marcha dun proxecto empresarial. No que se refire á concreción das axudas estas irían dende as directas, con 6.000 euros para a creación da empresa para todas aquelas persoas menores de 35 anos e 2.000 euros máis por emprego por conta allea creado no primeiro ano, priorizándose as actividades intensivas en coñecementos como as empresas de bases tecnolóxicas e as industrias creativas. Tamén incluiría vantaxes fiscais durante o primeiro ano de vida das empresas.

O PEME suporía un investimento de 70 millóns de euros durante o periodo 2013-2015 para a creación de 5.000 postos de traballo de alta cualificación en toda a comunidade autónoma.

Exit mobile version