Site icon Crónica3.com A Mariña

Compromiso por Galicia estará cos traballadores de Alcoa na manifestación de Santiago

COMPROMISO POR GALICIA ESTARÁ AO CARÓN DAS TRABALLADORAS E TRABALLADORES DE ALCOA QUE SE MANIFESTAN EN SANTIAGO MAÑÁ, XOVES.

Lugo, 26 de setembro de 2012. Compromiso por Galicia quere transmitirlles ás e aos traballadores de ALCOA que mañá xoves, día 27, se manifestan en Santiago de Compostela ás 12:30 horas, que contan co noso apoio na xusta reivindicación dunha tarifa eléctrica que garanta a continuidade da empresa na Mariña luguesa.

O cabeza de lista de Compromiso por Galicia na provincia de Lugo, o mariñán Iván Marrube, explicou que “se é certo que a empresa xa ameazou varias veces con deslocalizar a planta situada en Xove e Cervo se non se renegociaban os prezos da tarifa eléctrica, tamén é certo que a dirección de ALCOA presiona para manter a súa marxe de beneficio e non para non ter perdas, xa que é coñecido que a empresa de San Cibrao é unha das máis rentábeis do grupo, sendo os salarios nesta factoría inferiores aos de outras empresas de similares características. Mais tamén comprendemos que o prezo da electricidade, nunha firma de transformacion primaria coma esta, é moi importante debido ao inxente consumo de electricidade que ten e que, polo tanto, repercute moito no custo de producción (entre un 40% e un 50%)”.

Marrube engadiu que “por se coa suba eléctrica feita polo PP fose pouco, tamén hai que recordar que foi este mesmo partido político o que complicou o acceso ás subvencións para a electricidade aos grandes consumidores, co que o dano é dobre. Está claro que a solución está na man das e dos mesmos que provocaron estas subidas e que complicaron o acceso a estas axudas, polo que non poden dicir os gobernos da Xunta e do Estado que non podan facer nada”.

Ademais o número un da candidatura lucense de Compromiso por Galicia, Iván Marrube, manifestou: “temos que apoiar a búsqueda dunha tarifa eléctrica que permita garantir a continuidade de ALCOA na Mariña, xa que o peche da mesma tería unhas consecuencias catastróficas para a comarca enteira, máis aínda no contexto de desemprego e crise no que nos atopamos”.

Compromiso por Galicia tamén amosa a súa solidariedade coas e cos traballadores da factoría de ALCOA na Coruña, que “nestes momentos están pasando unha situación moi complicada”.

Marrube pregúntase constantemente “por que os gobernos que vimos padecendo até o de agora, non fixeron nada para acadar un nivel de industrialización superior na Mariña que faga que o noso grao de dependencia desta multinacional non sexa tan grande como é dende que se abreu a empresa, xa van máis de 30 anos, polo que non poden dicir que non tiveron tempo”.

“O noso compromiso é crear emprego estable na Mariña”, rematan os candidatos de Compromiso por Galicia.

Exit mobile version