Site icon Crónica3.com A Mariña

Continúan as medusas nas praias da Mariña

BARREIROS
As medusas seguen a chegar aos areais de Barreiros. Desde Proteccion Civil aseguran que “hai menos ca onte, pero están en todas as praias”. E pídenlles aos usuarios das mesmas que fagan caso das indicacións que atoparán colocadas a pé de praia ou ás que lles fará o persoal de Protección Civil. Recoméndase non bañarse nos areais de Barreiros no día de hoxe.

RIBADEO
Continúan chegando ás praias de Ribadeo medusas. O concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro, asegura que “hai moitísimas en todos os areais: As Catedrais, As Illas/Castros, Esteiro, Rocas Brancas e Cargadeiro”. E explica que “colocamos bandeiras vermellas nuns casos e carteis prohibindo o baño noutros. Ademáis nas Catedrais o persoal que traballa nesa praia está a facer un sendeiro de seguridade pola area, co obxectivo de facilitar o acceso ata a segunda cala da praia e que así os turistas poidan visitala e vela sen moito problema”. O Concello recomenda que para acceder ás Catedrais a xente leve calzado. O edil de Medio Ambiente pide a pescadores e usuarios de pequenas calas en Ribadeo “que teñan en conta que hai medusas en todo o noso litoral e que extremen as precaucións para evitar a aparición de irritacións na pel”. De momento á praia dos Bloques non chegaron as medusas.

CERVO
Dende o Concello informamos do mantemento da prohibición do baño nas praias cervenses por precaución no día de hoxe.

BURELA
En Burela hai bandeiras vermellas nas praias de O Cabaliño e O Cantiño, “porque detectamos a presencia de medusas, en menor medida ca onte, pero seguen a chegar”. Desde a Concellería de Medio Ambiente continúan a pedir aos bañistas que atendan ás indicacions que atoparán nos areais e que “en todo caso extremen as precaucións”. No resto das praias, de momento, non apareceron medusas.

Exit mobile version