DE BOBOS E TRISTES
Aguirre confesou un día con desenvoltura e sen vergoña que lle custaba chegar a fin de mes cos seus máis de 6.000 euros. Tiña razón para queixarse porque esta política manirrota (hai que selo moito para non chegar a fin de mes con ese soldo) gañaba bastante menos que o xogador do Real Madrid, ese neno mimoso e engreído que se entristece porque neses campos de fútbol as afeccións grítanlle “Messi, Mecí” para amolalo.
Co diñeiro que gaña (ao día leva o que Esperanza Aguirre tarda un mes en xuntar) eu deixaríame chamar calquera cousa. Ata estaría disposto a que me chamasen Mariano Rajoy con tal de levarme a casa cada mes un millón de pesetas das de antes. Xa non digo nada dos múltiples millóns mensuais do astro de Madeira.
Non se pode ter todo: diñeiro, mocidade, calidade profesional? Hai algo moito máis importante que todo iso: a felicidade. Ronaldo non é feliz, Aguirre non é feliz. A xente menos favorecida cre que o teñen todo e ao final non teñen nada.
Eu tamén estou triste, pero non por Aguirre ou Ronaldo, senón porque faleceu Santiago Carrillo aos 97 anos mentres durmía a sesta. Foi unha morte doce e ata certo punto feliz. Era un home lúcido e coherente que rozou o século en plenitude, querido e odiado polos seus compatriotas a partes desiguais.
Nunca o escoitei queixarse por el. Queixábase polas inxustizas e os abusos que soportaban os demais, os máis débiles. El era feliz cos seus libros, os seus amigos, a súa familia e os seus faladoiros radiofónicos. Nunca lle oín dicir “estou triste”, como agora escoito a dirixentes populares pola dimisión da marquesa consorte, unha muller que ten a vida económica solucionada, aínda que un cancro poida recordarlle que é tan mortal como a última esmoleira da vila de Madrid.
A tristeza é un sentimento humano que non sabe de contas correntes nin de propiedades. Ata Soria, segundo ministro do Goberno de Rajoy con máis patrimonio, tamén se pon triste cando toda a xente, bueno case toda, pois estivemos vendo o apagón, pídelle unha esmola para que a empresa de Alcoa na bisbarra non peche, din que lle fode moito cando non se sae coa súa ou non consegue ser presidente de Canarias.
Os ricos tamén choran e o diñeiro non dá a felicidade. Ás veces, ata, pode ser a causa da tristeza dos idiotas. Non hai máis bobos porque non hai máis xente, que dicía o meu avó Xesus de Regal.
Otero Regal