Site icon Crónica3.com A Mariña

Equiouro 2012 acolleu o XV Campionato Galego de Andadura

ANTONIO VEIGA ENTREGOU OS PREMIOS DAS CARREIRAS DE CABALOS DE ANDADURA “EQUIOURO 2012”

O vicepresidente da Deputación califica estas actividades ecuestres “como unha alternativa de ocio de gran interese coas que se dinamiza o turismo e a actividade económica da localidade”

O Valadouro, 23 de setembro de 2012. O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsábel das áreas de Benestar Social e Deporte, o nacionalista Antonio Veiga, participou na entrega de premios aos vencedores e participantes nas carreiras de cabalos de andadura “Equiouro 2012”, que se celebrou, na xornada de onte, en Ferreira do Valadouro, e que está organizada por APREVAL (Asociación de Promoción e Recuperación Ecuestre Val do Ouro).

Os cabalos e poldros foron os protagonistas deste evento, e competiron ao longo do día na final do XV Campionato Galego de Andadura da Federación Hípica Galega, de dous e de catro tempos, e na final do VII Campionato de trotóns de andadura, ámbalas dúas disputadas na nova pista de andadura ecuestre da que dispón a localidade, un proxecto que contou coa colaboración da Vicepresidencia da Deputación. De xeito paralelo, celebrouse nos establecementos hostaleiros do concello a X Ruta de Tapeo do Valadouro.

“Estas actividades ecuestres supoñen alternativas de ocio de grande interese, coas que se dinamiza o turismo e a actividade económica da localidade. Por iso, desde a Área de Benestar Social e Deporte da Deputación cremos que o Valadouro é merecedor desta pista de andadura ecuestre, pois ten máis que demostrada a súa afección aos cabalos”, puntualizou o vicepresidente do ente provincial.

Exit mobile version