Site icon Crónica3.com A Mariña

Espazo Ecosocialista lamenta que non se dera unha ampla alianza nacional e democrática

Os Ecogaleguistas abren un período de reflexión e convocan asemblea para o próximo mércores
Espazo Ecosocialista lamenta que non se dera unha ampla alianza nacional e democrática
En Galicia a 8 de setembro de 2.012
Asistimos a unha crise sen precedentes que os oligopolios e a dereita política están a
aproveitar para o recorte drástico de dereitos sociais e o cuestionamento de liberdades
individuais; un ataque sen precedentes aos piares do estado de benestar como o
ensino, a sanidade e o benestar social; ou un proceso de intento de recentralización
eliminando as pequenas cotas de autogoberno do noso país.
Estamos diante dunha crise sistémica que ameaza con levar por diante tódolos
dereitos e tódalas conquistas sociais e políticas do último medio século e ameza con
agravar as desigualdades sociais e desequilibrios medioambientais.
Moitas persoas, familias e colectivos viven en situacións dramáticas e o colectivo de
persoas que viven por debaixo do umbral da pobreza non para de medrar.
Dixemos hai uns meses que diante desta gravísima situación a esquerda non podía
seguir auscultándose interiormente, non podía seguir endogamicamente
recreándose en debates estériles, sen buscar formulas practicas que resolveran
contradicións secundarias necesariamente a superar desde a cooperación e a
vontade de colaboración.
Non era o momento de saldar contas pendentes históricas ou persoais, nin de resolver
debates metateoricos que non resolven os problemas da xente. Necesitábamos altura
de miras e converxencias en favor do ben común e de Galicia.
Espazo Ecosocialista defendeu, defende e vai seguir a defender a máxima unidade
posible diante da situación de emerxencia nacional que vivimos e diante da necesaria
recomposición da esquerda nacional que esta por facer.
Dixemos desde o principio que unha cousa era o proceso de reconstrución do
espazo da esquerda e do galeguismo político, necesariamente lento, e por outro
dar resposta electoral a un ataque sen precedentes ao noso estado social e
democrático.
Cabe recordar que esta necesidade de converxencia e renovación nas formas de
entender e interpretar a política teñen o seu precedente no movemento 15-M que puxo
de manifesto unha desafección clara pola política tradicional. Polo tanto necesitabamos
ilusionar á cidadanía, recuperar a confianza na política, construír espazos amables e
cooperativos, onde a xente se vira representada.
Cando en maio pasado constituíuse Compromiso por Galicia (CxG) faciámolo sobre a
base de construír unha Cooperativa Política que abordará os seguintes tres retos:
– a necesidade da renovación do galeguismo (parte desa renovación era tirar os
muros do actual nacionalismo e construír un espazo nacional e galeguista como
punto de encontro entre nacionalistas e non nacionalistas);
– a necesidade de radicalidade democrática (construír no respecto á opinión
discrepante e na síntese cultural);
– a necesidade de establecer unidade posterior con outros proxectos da esquerda
nacional e do galeguismo para conformar un grande alianza nacional e democrática.
O 19X produciuse un viraxe político coa ampla unidade sindical e a sociedade
demandaba unha unidade ampla, cando menos da outra esquerda e do outro
nacionalismo que permitira ilusionar fronte aos partidos clásicos e á vez recoller
os mínimos electorais para derrotar a dereita.
CxG e Anova preferiron ver para outro lado e iniciar unha carreira aillacionista cara o
ningures.
No Consello Político de CxG (01.09.12) defendemos a unidade entre Anova e CxG
como soporte nacional dunha alianza ampla progresista, democrática e galega
aberta a EU.
A proposta sustentábase nos principios fundacionais de CxG:
– Proxecto dirixido a maioría social;
– Galeguismo como expresión dun nacionalismo máis aberto e que abranguera
xente que sen definirse nacionalista entendera o carácter nacional do proxecto
(desde logo non coma un disolvente da esquerda);
– Progresismo inclusivo como acollemento de tódolos sectores progresista e de
esquerdas.
Os outros dous grupos de CxG non o entenderon así.
Consideramos que é un grave erro por varias razóns:
– Porque a esquerda nacional e o galeguismo político necesitan ter resultados nas
autonómicas como contribución ao obxectivo central que é desaloxar á dereita
do poder;
– Porque a unidade electoral vai ser a única que permita construír posteriormente
as eleccións o necesario traballo de reconstrución da esquerda renovadora;
– Porque o caracter renovador dunha forza perdese se non é capaz de liderar as
demandas políticas e sociais da cidadanía.
As bases de CxG conseguiron, nun exercicio de responsabilidade, que o
rexeitamento dun primeiro momento da proposta de unidade electoral con
Anova e EU se aprobará.
Todo facía presupoñer que aínda que tarde era posible esa alianza a tres toda vez
que tanto Anova coma EU xa expresaran a súa vontade unitaria ampla.
O acordo de Coalición EU-Anova é un paso importante na unidade da esquerda e
na concentración electoral fronte ao PP, mesmo supón unha nova experiencia na
procura de superar a división da esquerda nacionalista/non nacionalista baixo un
proxecto nacional, pero é un fracaso en termos de ofrecer á cidadanía unha
alternativa ampla necesaria e crible.
Consideramos un grave erro non ter tido a altura de miras suficiente por parte de
Anova, CxG e EU para conseguir esa alianza que demanda a cidadanía.
Temos diante de nos dúas tarefas: reconstruír o espazo da esquerda nacional
renovadora e conseguir botar ao PP e ao goberno de Feijoo.
Para as dúas cousas necesítanse grados de unidade amplo dos que hoxe carecemos e
lamentablemente a transversalidade morre neste proceso namentres que volven a
estar presentes as vellas formas de facer política.
Sempre dixemos que a inexistencia dunha esquerda central no proceso de
confluencia do progresismo e do galeguismo facía que as forzas centrifugas se
consolidaran como así ocorreu finalmente.
Pola súa banda o debate nas ultimas semanas en CxG puxo de releve dúas
concepcións de construción do proxecto: a fundacional da cooperativa política
inclusiva situada na esquerda renovadora e a do partido nacional neutro
defendida por outros, ambas lexitimas pero desde o noso punto de vista
incompatibles.
Espazo Ecosocialista mantívose con lealdade ata o último momento, mesmo
aparcando a posibilidade de participar como un membro da coalición, para facilitar un
acordo de incorporación de CxG á alianza ampla que nunca chegou.
Por todo elo:
1
Espazo Ecosocialista cre que estamos nun período de transición no que
debemos aínda por esforzarnos para buscar formulas de encontro da
esquerda nacional e do galeguismo político; necesítanse espazos de
experimentación nos que superar o sectarismo e a fragmentación;
2
Espazo Ecosocialista dirixirase a outras forzas políticas da esquerda para
coñecer de primeira man cales son as súas visións sobre o que esta a
acontecer e de como abordar este período electoral no que a tarefa
número un pasa por derrotar á dereita e as súas políticas;
3
Espazo Ecosocialista abre un período de reflexión que culminara cunha
asemblea extraordinaria, xunto co Consello Aberto (asesor) tendo en
conta á hora de tomar decisións dúas cuestións prioritarias: a urxencia
electoral de botar ao PP e a necesidade de situarse no campo de xogo
onde se poida reconstruír a esquerda nacional renovadora

Exit mobile version