Inscritas 200 persoas en só 4 días nos cursos gratuítos de novas tecnoloxías que ofrece a Deputación
– As xornadas máis demandadas da nova programación formativa do Centro de Innovación Social, que arrancou este luns en Lugo e A Fonsagrada, son as relacionadas coas posibilidades das TIC para crear ou potenciar unha empresa, e coa busca de emprego
– A inscrición pode facerse chamando ó 982-22-51-86, na web www.deputacionlugo.org ou nas instalacións do centro, na rúa Frei Prácido Rei Lemos
A nova programación formativa do Centro de Innovación Social, para a que se abriu a matrícula o pasado xoves, día 13, arrancou este luns en Lugo e A Fonsagrada. Os cursos iniciados son os seguintes:
– Aulas do In Lugo na capital lucense: Enciclopedia Mundial, búscao na Rede, que se imparte de 16:30 a 19:30 horas e concluirá mañá; e Internet para persoas con discapacidade intelectual, que continuará hasta o día 21, en horario de 10:00 a 13:00 horas.
– Casa da Cultura da Fonsagrada: Fácil e sinxelo, ordena as túas imaxes, música, libros… Crea a túa base de datos particular, de 16:00 a 18:00; e Emprego? Na web encontraralo, de 18:00 a 20:00 horas. Ambos rematan o mércores.
100 cursos para 1.500 persoas ata finais de ano
A oferta componse de 100 accións formativas gratuítas sobre novas tecnoloxías nas que poderán participar ata 1.500 persoas. Crear unha base de datos particular ou un blog; como comprar, facer reservas ou operar cos bancos por Internet; fórmulas para encontrar emprego e empregados na Rede; a factura electrónica e a constitución telemática dunha empresa; como posicionarse nas redes sociais; e o manexo de internet para persoas con discapacidade intelectual son algunhas das temáticas ofrecidas e que, dado o seu forte compoñente práctico, servirán para mellorar a calidade de vida e o benestar dos lucenses, abrir novas oportunidades para encontrar emprego e fortalecer o tecido empresarial da provincia potenciando a competitividade e produtividade das PEMES e autónomos.
O Plan Avanza, do Ministerio de Industria, cofinancia as xornadas, que se desenvolverán ata finais de ano, tanto nas dependencias do In Lugo, como en Concellos de toda a provincia. As persoas interesadas en participar poden anotarse por teléfono, chamando ó 982-22-51-86; on line, accedendo á páxina web www.deputacionlugo.org ou ben presencialmente, acudindo ás instalacións do propio In Lugo, situadas na rúa Frei Plácido Rei Lemos, na segunda planta da Escola de Imaxe e Son (EIS). A inscrición está aberta ata esgotarse as prazas dos cursos, dirixidos a todo tipo de público: mozos e maiores, familias, desempregados, traballadores, emprendedores, empresarios e persoas con discapacidade. Os alumnos recibirán ó finalizar a acción formativa un diploma oficial da Deputación que acredita a súa participación.
A cargo da Fundación TIC
O primeiro centro de innovación social en Galicia, In Lugo, foi creado en marzo de 2011 pola Deputación cun financiamento do 89% do Ministerio de Industria a través do Plan Avanza co fin de promover actuacións e servizos baseados nas novas tecnoloxías encamiñados a mellorar a calidade de vida dos veciños da provincia e dinamizar o tecido económico. Neste 2012 iniciou unha nova andaina, na que, de ser xestionado directamente dende a Deputación, pasou a depender da Fundación TIC co fin de aforrar recursos e crear sinerxias.