Lugo, 29 de setembro de 2012. Compromiso por Galicia levou a cabo a súa
presentación na cidade de Lugo. O candidato pola provincia, Iván Marrube, afirmou “eu
sei o que custa gañar cincuenta euros a maioría dos políticos non o saben”. Ao fío disto
engadiu “temos vocación de servizo público, está nas mans da xente darnos esa
responsabilidade”.
Para Marrube “a provincia de Lugo é un exemplo da capacidade
produtiva que ten o país en sectores primarios, como o agrogandeiro e o pesqueiro”. O
candidato explicou que “isto non é un país pobre, é un país empobrecido polas políticas
alleas á realidade que se levaron a cabo”. O lucense quixo facer fincapé na “eiva” que
supón a corrupción política para a democracia “a zona cero da política en Lugo está a ser
nos xulgados no canto de centrarse nos problemas da cidadanía”.
A número dous da lista, Rocío López, comezou a súa intervención afirmando que “eu
non son política, senón unha persoa que decide ter voz, porque aínda creo que a política
é unha ferramenta para mudar a realidade”. López remarcou que “temos que falar de
igual a igual. Mirando aos ollos, tomando as opinións dos demais como propias, como
exemplo desa igualdade. É hora de ceder a palabra e comprometernos coa nosa”.
Pechou a presentación Xoán Bascuas, candidato á presidencia da Xunta por
Compromiso. Bascuas quixo expresar a súa preocupación coa situación que vive Alcoa
“compartimos as reivindicacións dos traballadores non só no que atinxe á continuidade
dos seus postos de traballo senón que as asumimos porque é a garante de continuidade
dunha das empresas máis importantes do país”. Nesta liña engadiu “as administracións
públicas deben implicarse na colaboración dunha entidade que supón un tercio do PIB
da provincia e a principal dinamizadora da economía da Mariña”. Bascuas pechou a súa
intervención cun “queremos comprometernos co agro, coa pesca, coa industria.
Queremos compromiso con Lugo”.