GONZÁLEZ BARCIA E BASILIO OTERO VISITARON EN CAIÓN A EXPOSICIÓN QUE RECOLLE A HISTORIA DO SECTOR PESQUEIRO NESE PORTO CORUÑÉS. TRÁTASE DE COÑECER FÓRMULAS PARA PODER TRANSMITIR TAMÉN DUN XEITO DIDÁCTICO A INFORMACIÓN RECOPILADA POLA CONFRARÍA DE PESCADORES DE BURELA.
Burela, 25 de setembro de 2012. O alcalde, José Mª González Barcia, e o patrón maior da confraría de pescadores de Burela, Basilio Otero, visitaron en Caión a exposición que recolle a historia do sector pesqueiro nese porto coruñés desde o antigo reino de Galicia. O obxectivo é poder facerlle chegar á poboación de forma didáctica toda a documentación recopilada en Burela para promocionar tanto a pesca coma a vila.
Foron os alcaldes de Burela e Laracha, José Mª González Barcia e José Manuel López Varela, os que xestionaron este encontro ao que asistiron os patróns maiores das confrarías de Burela e de Caión, Basilio Otero e Evaristo Lareo, respectivamente. González Barcia destacou “o importante traballo realizado nos últimos anos pola confraría burelesa e pola Xunta de Galicia para recopilar toda a información coa que contan na actualidade. Os primeiros datos que se teñen datan dos anos vinte do século pasado. Agora queda pendente trasladar toda esa información ao público para que a perciban dun xeito didáctico”.
O alcalde de Burela subliñou que “os obxectivos son dous: transmitir didácticamente os arquivos cos que conta a confraría de pescadores de Burela e a promoción da nosa vila e da súa actividade pesqueira, algo no que colaborará na medida das súas posibilidades o Concello de Burela”. González Barcia dixo que “éste sería un atractivo máis que se podería promocionar desde a oficina de turismo de Burela”.
O equipo de goberno entende que “quen debe liderar e marcar as pautas deste traballo futuro debe ser a propia confraría e nós faremos, tal e como lle indicamos a Basilio Otero, todo o que estea nas nosas mans para axudarlle a cumprir eses obxectivos”.