Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Ribadeo dubida que a escaseza de auga en Barreiros sexa por unha captación en Remourelle

A FERNANDO SUÁREZ CHÓCALLE QUE O REXEDOR BARREIRENSE CULPE A RIBADEO DOS PROBLEMAS SOFRIDOS ESTE VERÁN NO ABASTECEMENTO DE AUGA DO CONCELLO VECIÑO. E LEMBROU QUE A CAPTACIÓN Á QUE ALUDE FUENTE PARGA LEVA FUNCIONANDO ASÍ E SEN OCASIONAR PROBLEMAS DESDE HAI UNS 16 ANOS.

Ribadeo, 25 de setembro de 2012. Ao alcalde, Fernando Suárez, chócalle que o rexedor barreirense culpe dos problemas sofridos este verán no abastecemento de auga a Ribadeo. Suárez Barcia asegura que non é nada elegante botarlle a culpa ao concello do lado dos problemas que un ten no seu. E lembrou que a captación á que alude Fuente Parga leva funcionando así e sen ocasionar ningún tipo de problema desde hai uns 16 anos. Fernando Suárez subliña que desa captación abastécese unha parroquia de tan só 40 habitantes.

O rexedor de Ribadeo dixo que “cóllenme con certa sorpresa estas manifestacións do alcalde de Barreiros, porque a verdade é que a relación que temos sempre entre concellos, e sobre todo entre concellos veciños, debe ser cordial… os problemas que poida ter aquí en Ribadeo, que poden ser por culpa do goberno, ou por cousas do pasado, non é nada elegante que eu lle bote as culpas ao concello do lado e tentar así escurrir o bulto”.

Fernando Suárez sinalou que “é chocante dicir que en parte a culpa dos problemas que ten Barreiros son por unha captación de auga en Remourelle, que leva uns 16 anos desde que a concesionaria Aquagest se encarga deste servizo, sen que nunca tiveran problemas nin en Remourelle nin en Barreiros. Choca que agora os problemas no subministro de auga de Barreiros teñan que ver cunha captación que sirve a Remourelle”.

O alcalde de Ribadeo engadiu que “postos a dicir as cousas, quizáis os problemas que agora se manifestan en Barreiros e que hai quince anos non se producían hai que buscalos en que quizáis eles deron 6.000 licenzas de obra dun xeito atolado tendo un fío de auga como sumatorio de todos os regatos posibles ou dos ríos que poidan ter. Non é nada elegante botarlle a culpa a Ribadeo, porque Ribadeo segue subministrando sen facer obra algunha desde esa captación para un núcleo duns 40 habitantes, que é Remourelle, pertencente á parroquia de Arante, e que para ben ou para mal esa situación funciona así desde hai moitísimos anos. O problema non debe ser de aquí”.

Suárez Barcia insistiu en que “eu cando teño problemas en Ribadeo non lle boto a culpa aos concellos dun lado nin do outro”.

Exit mobile version