Dores Fernández asegura que “a folla de ruta dos gobernos do Partido Popular é converter os servizos públicos en servizos de luxo”
Os nacionalistas apostan polos servizos sociais como motor de desenvolvemento económico
Deixar sen Servizo de Axuda no Fogar aos concellos de menos de 20.000 habitantes supón un incremento do paro en máis de 2.000 persoas
Riotorto, 24 de setembro de 2012. A candidata nacionalista para as autonómicas do vindeiro 21-O, Dores Fernández Abel, reuniuse, xunto co alcalde de Riotorto, Francisco Estoa, con traballadores do Servizo de Axuda no Fogar básico (SAF) de todos os concellos da Mariña para analizar as políticas do Partido Popular ao fronte da Xunta de Galiza no eido dos servizos sociais e “pór de manifesto a existencia dun abano de políticas alternativas para manter a calidade de vida dos maiores”.
Así o explicou Fernández quen, ademais, insistiu en que “dado o alto índice de envellecemento da poboación galega, índice que resulta máis alarmante na provincia de Lugo, é preciso adoptar medidas especiais para este colectivo, tendo en conta principios cuxos beneficios xa foron recoñecidos por expertos e son aplicados por gobernos europeos, como é a importancia de non afastar aos maiores do seu fogar”.
“Cumprir ese obxectivo –precisou a candidata nacionalista- require reforzar o Servizo da Axuda no Fogar básico; todo o contrario ao que fixo o Goberno de Núñez Feijóo nestes tres anos e medio de lexislatura nos que reduciu, de xeito progresivo, a aportación económica a este servizo, que é de competencia autonómica, até deixalo, en 2012, sen dotación económica naqueles concellos con menos de 20.000 habitantes, é dicir, todos os da provincia de Lugo agás a capital lucense”.
Desde as filas nacionalistas non soamente denuncian os recortes dos populares en materia de servizos sociais senón tamén a repercusión que ditos recortes teñen nos datos de desemprego. “Deixar aos concellos de menos de 20.000 habitantes sen Servizo de Axuda no Fogar supón un incremento de parados que, so na nosa provincia, supera as 2.000 persoas. Dende o BNG estamos seguros de que é posible un novo modelo que conxuga atención de calidade para os maiores e creación de novos postos de traballo. Os servizos sociais deben ser entendidos, tamén, coma motor para o desenvolvemento económico”.
A reforma da Lei de Dependencia aprobada polo Goberno de Mariano Rajoy ten graves consecuencias para os dependentes, que para acceder a determinados servizos teñen que pagar un 400 por cento máis do que pagaban antes da chegada do Partido Popular e que nalgúns casos dita aportación chega a ser o 94 por cento da súa renda. “A folla de ruta do Executivo de Rajoy e o programa electoral oculto co que se presenta á reelección Núñez Feijóo son claros: máis copago e servizos sociais de luxo para uns poucos e de determinadas zonas xeográficas”.
Con respecto á política de discriminación positiva do actual Goberno autonómico cara determinadas zonas do mapa da comunidade, o alcalde de Riotorto, denunciou o “bochornoso espectáculo do presidente e candidato Feijóo primando ás zonas do Eixo Atlántico e abandonando aos maiores do rural da provincia máis pobre e envellecida de Galiza. Seguimos a descoñecer as razóns polas que a Xunta de Galiza non da o visto bo ao plan da Deputación de Lugo para a construción de 12 novas residencias da terceira idade, unha delas en Riotorto, cando non ten que asumir ningún custe. Os populares non poden dar explicación algunha porque as súas motivacións de goberno responden a intereses políticos e partidistas”.