ERMIDA ACUSA Á XUNTA DE COMETER UN XENOCIDIO CONTRA A IDENTIDADE CULTURAL DO PAÍS
A candidata do BNG denuncia o medo do Partido Popular á cultura participativa e recorda que o Goberno de Núñez Feijóo suprimiu a liña de axudas ás asociacións culturais
Os nacionalistas apostan por “unha sociedade organizada ao redor dun tecido asociativo forte que estude e difunda a cultura galega”
Durante a xuntanza, Ermida explicou que “cultura e asociacionismo deben camiñar xuntos. A democracia require dunha sociedade organizada ao redor dun tecido asociativo forte e con recursos que poida realizar desde estudos até todo tipo de actividades coas que manter viva e difundir a cultura do país, algo que xa sabemos que molesta e desgusta ao Partido Popular”.
Ermida acusou ao presidente en funcións e candidato á reelección, Núñez Feijóo, de cometer “un auténtico xenocidio contra a identidade cultural do país cos reiterados e deliberados ataques á lingua galega de acordo a posicionamentos ideolóxicos que consideran a Galiza como un pobo de segunda e que tratan de mermar a súa autoestima; un xenocidio contra o patrimonio, como se demostra co abandono do Castro da Atalaia en San Cribrao e doutros xacementos da comarca da Mariña, e un xenocidio contra os creadores e xeradores de cultura”.
Dende as filas nacionalistas consideran que as iniciativas culturais son o primeiro paso para establecer unha imaxe e unha marca de país que nos diferencie. “A cultura é un dos grandes valores de Galiza que, ademais, permite ter un perfil propio e adecuado para amosar no exterior”.
A candidata sinalou que “o Partido Popular é o primeiro atranco para logralo porque todas as súas políticas son contrarias ao fomento do asociacionismo e a promover a cultura galega. Os populares sempre se mostraron galegofóbicos e a súa chegada ao Executivo autonómico supuxo a supresión da liña de axudas en concorrencia competitiva paras asociacións culturais, obrigándoas a reflexionar e redobrar esforzos para frear as consecuencias da terrorífica axenda neoliberal dos gobernos de Rajoy e Feijóo, que temen á cultura participativa”.
Pola súa banda os representantes culturais que acudiron á xuntanza reclamaron máis liñas de subvencións e axudas para a realización e difusión de actos e mellores dotacións para os locais onde desenvolven as súas actividades.