Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa a Xunta de deixar A Mariña sen 100 mestres en tres anos

O BNG ACUSA Á XUNTA DE DEIXAR Á MARIÑA SEN 100 MESTRES EN TRES ANOS A PESAR DO INCREMENTO DO ALUMNADO

Ana Ermida denuncia que “o Partido Popular está a sentar as bases para bater o récord de fracaso escolar na comarca”

“A política educativa dos gobernos populares é antipedagóxica, vulnera o dereito á educación de calidade e merma as condicións laborais do profesorado”

A nacionalista Dores Fernández resalta a importancia de reforzar o ensino no medio rural

Foz, 26 de setembro de 2012. As candidatas do Bloque Nacionalista Galego  para os comicios do vindeiro 21 de outubro, Ana Ermida e Dores Fernández, xunto co portavoz nacionalista en Foz, Xan Carlos González Basanta, mantiveron un encontro con representantes das asociacións de pais e nais de alumnos da Mariña para valorar o impacto da política da Xunta de Galiza no eido da educación.

Redución de profesorado, aumento de alumnos e alumnas por aula, eliminación de escolas unitarias, diminución de prazas de comedores e suba de taxas, é so unha parte do balance negativo que comparten BNG e ANPAs da Mariña sobre a política educativa do Partido Popular ao fronte do executivo autonómico durante a lexislatura que vén de rematar.

Segundo explicou Ermida “nesta comarca a reordenación educativa da Xunta supuxo 42 mestres e mestras menos durante o curso 2012-2013 con respecto ao anterior curso escolar, o feche de todas as ecolas unitarias, o que afectou a preto de 60 rapaces e rapazas, así como o agrupamento na mesma aula de escolares de entre 3 e 5 anos. Tanto o CEIP Castro de Ouro de Alfoz como o CEIP  do Vicedo son claros exemplos da aplicación de todas estas medidas, as cales son totalmente contrarias ás que aconsellan os expertos e os organismos europeos”.

Para a candidata nacionalista “o Partido Popular está a sentar as bases para acadar, en pouco tempo, cifras rércord de fracaso escolar na Mariña. A calidade da educación estase resentindo  ao igual que as condicións laborais do profesorado, que ten que impartir materias que nada teñen que ver coa súa especialidade e facelo en varios centros á vez. É inconcebible que, por exemplo, un mestre de educación física do IES da Pontenova teña que dar clase de matemáticas, ou o caso do IES de San Cibrao onde un mestre imparte ciencias sociais e música sen ser especialista. Os recortes da consellería de Educación son subxectivos, antipedagóxicos e minoran o dereito a unha educación pública de calidade.”

Pola súa banda, Dores Fernández, insistiu en que “é preciso priorizar o investimento en educación paran lograr unha sociedade competitiva e, ademais, hai que atender á diversidade, á integración social e actuar de xeito contundente contra o fracaso escolar. O Partido Popular está deteriorando a educación no medio rural e no BNG apostamos por todo o contrario  por fomentar as potencialidades do noso rural, o cal non podemos ver como un lastre, senón coma unha oportunidade. Temos que pór en marcha medidas para reactivalo, fixar poboación nas aldeas e para iso o mellor é dotalas de servizos públicos de calidade e de oportunidades de emprego”.

Exit mobile version