Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG acusa ao PP de converter ao hospital da Costa nunha sucursal do de Lugo

O BNG ACUSA AO PP DE CONVERTER O HOSPITAL DA COSTA NUNHA SUCURSAL DO HOPITAL DE LUGO

Ermida asegura que o hospital da Mariña é o mellor exemplo da xestión dun Goberno que minte, paraliza proxectos sanitarios viables e que repite unha e outra vez promesas que nunca cumpre”

“O Partido Popular non está lexitimado para facer ningunha promesa sobre sanidade”

Os nacionalistas recordan que a “espera cero” que prometeu Feijóo na campaña de 2009 sáldase con preto de 5.000 pacientes esperando para ser atendidos no Hospital da Costa

“Os mariñáns non merecen unha sanidade chapuceira nin unha atención de segunda categoría”

A Mariña, 25 de setembro de 2012. No marco da campaña informativa ‘Futuro para A Mariña’, responsables do Bloque Nacionalista Galego da comarca percorreron, hoxe, as inmediacións do Hospital da Costa informando aos cidadáns dos recortes do Partido Popular ao fronte da Xunta de Galiza no eido sanitario, así como explicando que “é posible recortar noutras partidas orzamentarias antes que en servizos esenciais para o progreso económico e social como son a educación e a sanidade”.

Para a candidata do BNG ás autonómicas do 21-O, Ana Ermida, remata unha lexislatura que marcou un récord en protestas de pacientes, traballadores sanitarios, sindicatos e plataformas en defensa da sanidade pública denunciando recortes, aumento de listas de espera, paralización de infraestruturas, peche de quirófanos e a progresiva privatización do sistema.“O mellor exemplo de todo isto é o Hospital da Costa, o cal o Partido Popular está a converter nunha sucursal do Hospital de Lugo cara o que cada vez é maior o número de derivacións. E isto ocorre porque o Goberno de Feijóo o primeiro que fixo ao chegar a San Caetano foi paralizar o plan estratéxico aprobado polo anterior Executivo que xa estaba dotado economicamente e que contemplaba unha ampliación acorde ás necesidades sanitarias da comarca. Os populares levan tres anos e medio mentindo de xeito reiterado sobre a ampliación deste centro hospitalario; prometen, unha e outra vez, un plan director que nunca chega. As casetas de obra nas que se pasa consulta son a única medida que o Partido Popular foi capaz de adoptar para mellorar a sanidade da Mariña, e os mariñáns non queremos nin merecemos unha sanidade chapuceira nin de segunda cateogoría”.

Os nacionalistas recordaron o pasado do candidato do Partido Popular á reelección, Alberto Núñez Feijóo, como presidente do Insalud e como vicepresidente da Xunta, “etapas da súa carreira política nas que impulsou e defendeu o modelo privatizador das fundacións hospitalarias como modelo de xestión eficaz e eficiente e que o tempo converteu en sinónimos de menos camas, menos probas diagnósticas, redución de persoal, contratos precarios e falla de transparencia na xestión. Feijóo ten un pasado como xestor sanitario perigoso para a sanidade pública gratuíta e de calidade”.

“A todo iso –continuou Ermida- hai que engadir que na campaña das autonómicas do 2009 prometeu “espera cero” e, por exemplo, no Hospital da Costa preto de 5.000 pacientes esperan para unha primeira consulta e intervención quirúrxica. ¿Qué credibilidade ten Feijóo e o partido que dirixe para falar de sanidade pública e, sobor de todo, para facer promesas electorais ao respeto?”

Os nacionalistas insisten en que “Galiza precisa dun equipo de Goberno que aposte pola sanidade pública mediante a optimización de todos os recursos dispoñibles potenciando a súa calidade, a igualdade e a equidade entre os seus usuarios con independencia da súa localización xeográfica.”

Empregos sen contratos no Hospital da Costa

Ao respecto das denuncias dos traballadores eventuais sobre a existencia de persoal sen contrato, Ana Ermida mantivo un encontro con algunhos dos afectados e, unha vez máis, esixe ao presidente da Xunta e á conselleira de Sanidade que “aclaren esta situación” e recórdalles que “é unha grave ilegalidade ter aos traballadores sen contrato o que atenta, directamente, contra os seus dereitos. É obriga dun goberno responsable garantir os dereitos dos traballadores”.

Exit mobile version