Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG advirte ao PP que “en campaña non vale todo e non se pode xogar coas necesidades da xente”

JORQUERA ADVIRTE A FEIJOÓ QUE “EN CAMPAÑA NON VALE TODO, NON SE PODE ENGANAR E XOGAR COAS NECESIDADES DA XENTE”

O candidao do BNG á Presidencia da Xunta participou nunha charla coloquio en Viveiro

Viveiro, 28 Setembro 2012. O candidato do BNG á Presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, advertiu a Núñez Feijoó que “en campaña non vale todo, hai unha raia que non se debe cruzar e non se pode enganar aos galegos e ás galegas”.

Jorquera participou esta noite nunha charla coloquio no Conservatorio Municipal en Viveiro, xunto con candidatos do BNG e un traballador do ámbito da sanidade.

O candidato nacionalista deixou claro que “vivimos tempos nos que está en xogo o benestar non só das xeracións presentes senón tamén das futuras”. E aludiu aos Orzamentos Xerais do Estado que onte aprobou o Consello de Ministros, uns orzamentos “raquíticos e esqueléticos que auguran máis crise, menos consumo e máis paro. Que comete inxustizas como recortar máis en educación e en sanidade ou industria que en defensa”.

Afirmou que as políticas centradas unicamente en recortes, caso dos Orzamentos, “só conducen a máis recortes, a alimentar a espiral da crise. Portugal e Grecia son dos bos exemplos”.

Jorquera considerou que “con estas políticas orzamentarias non se sae da crise ao incidir no recorte do investimento produtivo e no gasto social”. A conxelación salarial aos empregados públicos é “realmente unha reducción das súas percepcións porque xa perderon un 30% do seu poder adquisitivo con tantas conxelacións salariais. É unha baixada de salarios en toda regla”.

Apelou a “cambiar a situación o 21-O e plantar cara aos recortes”. E nese sentido, explicou as propostas do BNG que “sempre defenden o Estado de Benestar, a educación e sanidade pública, o desenvolvemento íntegro da Lei de Dependencia, os servizos sociais, e o investimento público produtivo para xerar emprego”.

CASO PEMEX

O candidato do BNG á presidencia da Xunta, Francisco Jorquera, instou a Núñez Feijóo a comparecer canto antes na Deputación Permanante do Parlamento para aclarar se son certas as informacións que cuestionan, segundo altos directivos de Pemex, entre eles o director xeral, a existencia dun contrato para construir dous buques-hoteis nos asteleiros galegos.

Jorquera considera que no caso “de se confirmar esta información estariamos ante uns feitos de extraordinaria gravidade”, polo que instou a Feijóo a que tamén publique inmediatamente na web da Xunta o presunto contrato suscrito coa empresa mexicana e remita á cámara galega toda a documentación existente.

Para Jorquera, Feijóo está xogando coas necesidades da xente, co gravísimo problema do paro que existe no País, nomeadamente no naval, e está faltando a verdade, pois o que existe, segundo os altos directivos de Pemex, é un protocolo sobre a dispoñibilidade de Barreras e Navantia en caso de que finalmente foran os asteleiros seleccionados entre as distintas opcións.

Exit mobile version