Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG anuncia que Benestar Social da Deputación concedeulle unha subvención de máis de 40 mil euros ao municipio de Xove

Os nacionalistas comprométense co Servizo de Axuda a Domicilio de Xove

A área de Benestar Social da Deputación, xestionada polo vicepresidente Antonio Veiga, concedeulle ao municipio mariñao unha subvención de máis de 40.000 euros

O portavoz do Grupo Municipal do BNG na corporación xovense, Marco López, felicitouse pola axuda que o departamento de Benestar Social da Deputación de Lugo destinou ao seu concello neste ano 2012. En concreto a área nacionalista achegou 40.868,00 euros ao Servizo de Axuda a Domicilio, o que supón que Xove sexa o concello da Mariña ao que se destina máis diñeiro. Ademais, a nível provincial só foi superado por Vilalba (44.710,00 euros) e Monforte (52.345,00 euros).

Xove, con só 3.500 habitantes, supera amplamente ás grandes vilas e cidades da provincia de Lugo no compromiso da Vicepresidencia da Deputación co Servizo de Axuda a Domicilio. O concello mariñao é a localidade que máis cartos recibe tendo en conta a ratio por habitante, dado que Monforte de Lemos conta con 20.000 veciños e Vilalba con 16.000, “o que demostra unha vez máis o firme compromiso do Bloque Nacionalista Galego co noso pobo”, afirmou Marco López.

O voceiro nacionalista dixo non entender a actitude do goberno local, “criticando as axudas de 40.000 euros que achegan os gobernos do BNG e aplaudindo a decisión do PP na Xunta de non dar nin un euro para este servizo fundamental”. Marco López preguntouse que é o que busca o PP de Xove con esa “actitude autista” e incidiu na xestión eficaz e transparente, “afastada de partidismos”, dos organismos gobernados polo Bloque.

López reivindicou este tipo de accións comprometidas como un claro exemplo do que é un “goberno para a xente”, sobre todo despois de que a Xunta de Galicia decidira excluír do seu financiamento ao Concello de Xove e os edís do PP na corporación xovense aprobaran en solitario a modificación do regulamento do Servizo de Axuda no Fogar. Esta modificación do regulamento implicou un considerable incremento dos prezos desta prestación asistencial, polo que a subvención da Deputación suporá un aforro indirecto na aportación dos usuarios. “Desde a área nacionalista do goberno provincial pretendemos minguar as repercusións negativas que as decisións políticas do PP provocan en toda a cidadanía”, manifestaron desde o BNG de Xove.

Escusas de mal pagador

Nesta mesma liña, o portavoz municipal do Bloque explicou que o goberno de Feijóo obriga ao resto de administracións a garantir os servizos sociais comunitarios con cargo ao orzamento municipal e provincial “con escusas de mal pagador”, cando é a Xunta quen dispón de máis marxe de manobra e recursos para afrontar este tipo de políticas. Marco López explicou que todo isto non comeza aquí, xa que as axudas autonómicas xa foron recortadas anos atrás. Para Xove, no 2010, o goberno do PP na Xunta destinou 53.439,48 euros ao Servizo de Axuda no Fogar Básico; mentres que o goberno do BNG na Deputación achegou 118.669,70 euros. E no ano 2011 o executivo de Núñez Feijoo destinou 13.600,02 euros, mentres que a Área de Antonio Veiga asignou unha partida de 40.485,00 euros.

Tamén desde o Grupo Municipal nacionalista censuraron que nunha reunión convocada polo vicepresidente nacionalista da Deputación de Lugo á que asistiron os alcaldes de toda a provincia, unha das voces que defendeu con máis entusiasmo o recorte deste servizo público foi a do propio alcalde xovense. No BNG cualifican esta actitude submisa do PP local de “moi grave”, debido á excepcionalidade do Servizo de Axuda no Fogar en Xove. Un servizo que atende a 215 usuarios e xestionan 5 profesionais desde o Concello e 43 empregadas desde a empresa Coidados S.L.

Exit mobile version